BLOG DA PROFESORA E ARTISTA PLÁSTICA PAULA MARIÑO


domingo, 7 de julio de 2019

ARTISTAS ITALIANAS DOS SÉCULOS XVI E XVII. BÁRBARA LONGHI


Autorretrato como Santa Catalina de Alexandría

 Bárbara Longhi, nace no mesmo ano que Lavinia Fontana, no ano 1552 en Rávena, filla dun pintor Luca Longhi, de estilo de provincias e conservador, aprende o oficio xunto co seu irmán Francesco no obradoiro do seu pai, aínda que ela, por ser muller e atoparse a súa familia na relixiosidade da Contrareforma, tivo menos posibilidades co seu irmá para aprender. Parece ser que Bárbara axudaba ao seu pai a pintar os grandes retablos e copiaba tamén algún dos seus traballos, pool que as súas obras teñen unha grande semellanza coas do seu pai e os seus contemporáneos boloñeses e florentinos.


Virxe lendo co neno Xesús. 1680-1685


Autorretrato. 1589


Virxe co Neno coroando a  una relixiosa.1590

Coñecida tan so na área restrinxida de Rávena, a meirande parte das súas representacións son pinturas relixiosas, Madonnas en particular, das que se coñecen 12 traballos e entre os que destaca a “Virxe co Neno e San Xoan Bautista”, aínda que realizou tamén un fermoso autorretrato e dúas obras máis. Porén, foi Vasari quen a citó na súa listaxe de artistas da época destacando nela “ a pureza da liña e a suave brillo da cor”, polo que suponemos que foi unha artista recoñecida no seu círculo artístico.



Muller con unicornio. 1595


A Virxe e o Neno. 1590-1595



Virxe co Neno no trono.


 Nos  seus primeiros traballos a artista utiliza unha paleta de cores restrinxida e unha composición sinxela, na que a liña destaca sobre o modelado das figuras, para a partir do ano 1590, empregar cores máis brillantes en figuras que adquiren unha máis grande monumentalidade, e nos que emprega cortinas ao fondo das figuras que cubren parcialmente a paisaxe e o ceo.
 Emprega tamén a técnica do sfumato e a composición piramidal, moi típica do renacemento italiano.
 A partir do cambio de século desaparecen das súas obras os escenarios arquitectónicos e as figuras xa non aparecen completas, polo que a composición simplifícase en imaxes devotas que concentra a atención de quen mira nunha relación máis íntima co cadro.


Entre as súas obras poderiamos destacar a representación de Santa Catalina de Alexandría, virxe, mártir e patrona dos filósofos, estudantes e predicadores, pintada para o Mosterio de Classe de Ravena, que  parece ser  un autorretrato da artista.

Madonna co Neno.


Virxe co Neno e San Xoán Bautista.



Santa Cecilia

 Na obra, “A Virxe e o Neno Xesús coroando a unha relixiosa" (1590-95, Museo de Louvre) amosa ao neno que dirixe a mirada a quen mira, sostindo unha coroa sobre a monxa e sostido con delicadeza pola súa nai,  representados en tons cálidos sobre o fondo escuro, que implica unha cálida relación entre o cadro e quen o mira.

 Barbara Longhi morre en 1638.




Sagrada Familia con Santa mártir

 Páxinas na rede sobre a artista:


ARTISTAS ITALIANAS DOS SÉCULOS XVI E XVII. ARTEMISIA GENTILLESCHI (PARTE VI)


Alegoría de la retórica. 1650

 Foron as feministas quenes chamaron a atención sobre a súa figura  debido á primeira monografía que lle dedicou en 1989 Mary D. Garrard, que contribuíu a fomentar o coñecemento e a revalorización da súa obra e a consolidar a súa condición de icona de artista importante no seu tempo, unha muller pintora que actuaba como tal, cobraba as súas obras e viviu sempre da pintura.  
 Como características fundamentais sinalaríanse na obra da Gentilleschi:
-As súas obras son representadas a xeito de reflexo da súa propia expresividade.
- Toma do seu pai, Orazio, o límpido rigor do debuxo, e lle inxertou unha forte acentuación dramática, tomada das obras de Caravaggio, cargada de efectos teatrais, elemento estilístico que contribuíu á difusión do caravaggismo en Nápoles, cidade á que se trasladou en 1630.



Lot e as súas fillas. 1635-1640

 -É importante salientar o feito de que o éxito de Artemisia foi tan grande, que os seus temas coma o de Betsabé e David, tiveron distintas versións, quen estuda as súas obras, como o caso da investigadora Jane Fortune, Fundadora e Presidenta do Comité de Florencia do Museo Nacional das Mulleres nas Artes, rastrexou unha peza de Artemisia desta temática nas áreas de almacenamento do Palacio Pitti buscando obras de mulleres artistas e atopou unha obra que se atopaba en mal estado, pero que tras a súa restauración, permite observar os rasgos estilísticos da Gentilleschi. Se na obra que se atopa no Museo de Ohio, xunto coa que está en Postdam trata o tema dun xeito singular, a que restaurouse do Palacio Pitti, pode incluso relacionarse con outra obra da artista "Susana e os vellos". A versión PITTI está documentada como colgada no apartamento do Gran Duque no Palacio Pitti en 1662.  O David e Betsabé probablemente foi pintado para Ferdinand II de Medici ao redor de 1635 mentres que Artemisia Gentileschi estaba a traballar en Nápoles. Estaba familiarizado co seu traballo porque traballara para a corte Medici de Cosimo II durante os seus anos de residencia en Florencia desde 1613 ata 1620.
De feito, o ESTILO da pintura é unha mestura interesante do seu posterior estilo napolitano e as obras de mocidade. Isto é particularmente evidente na suave carne da figura espida, e da actitude moi especificamente referencial de Bathsheba, que lembra a de Susanna na primeira e datada obra de Artemisia,  "Susanna e os Anciáns" de 1610. A posición das mans de Betsabé, que supostamente axusta o seu cabelo, é demasiado artificial para non ser referencial, pero a pose se atenúa para ser moito menos dramática. Mentres as mans de Susanna protestan desesperadamente contra a mirada ilícita dos Anciáns á súa esquerda, as mans de Bathsheba non están dirixidas ao intruso que está na logia á súa dereita (o rei David), senón que serven para crear unha interesante torsión do corpo. De feito, como di a directora da Galería Palatina Serena Padovani, "a linguaxe clásica que Artemisia elabora aquí é bastante distante da forza teatral da súa fase florentina temperá, aínda que a figura alongada de Betsabé é similar á Alegoría de Inclinación que pintou na Casa Buonarroti en 1615".



Betsabé e David.1640. Museo de Ohio




Betsabé e David. 1635. Palacio Pitti. Florencia

- A análise da súa pintura subliña, de modo exemplar, o que significa saber «de pintura, e de cor e de empaste»: evocando as cores fortes da paleta de Artemisia, a luminiscencia de seda dos vestidos (con ese amarelo inconfundible da autora), a atención perfeccionista pola realidade das xoias e das armas.


Cleopatra. 1639-1640

-Tenebrista non exenta dun certo Naturalismo, para achegar a imaxe ao espectador  practicando unha arte non idealizada, que non oculta os defectos dos personaxes, escollendo a estes de entre os habitantes da cidade, con rostros curtidos, engurrados.
-O tenebrismo en Artemisia débese ao manexo virtuoso do claroscuro, técnica que xa se coñecía pero que se usaba con gran mesura. Acentúa os contrastes entre zonas iluminadas e zonas en sombra; hai fondos neutros que se perden na escuridade, onde non se intúe ningún espazo, ningún personaxe máis. E en contraste, realza violentamente rostros, mans, teas, con focos de luz laterais e diagonais, que inciden sobre as superficies aplanando o seu volume e creando un ritmo interno da composición baseada no xogo lumínico. Este xogo produce un efecto espectacular e foi unha das claves do éxito do Tenebrismo e da escola de Caravaggio. Á vez, gustou de utilizar unhas entoacións cromáticas e lumínicas dunha forma que os caravaggistas non souberan traballar ata entón. Isto converteuna en protagonista de primeira fila na metamorfose da pintura napolitana ao longo da década de 1630, na que partindo do máis estrito naturalismo chegábase ao aprecio dos valores atmosféricos e cromáticos do neovenecianismo.


Xesús e a samaritana.1637

-Os temas, maioritariamente relixiosos e tamén sobre mulleres da biblia e da historia, eluden normalmente a paisaxe. Aínda que se coñecen poucos sábese tamén que realiza diversos retratos.


Retrato do cavaleiro Antonio de Ville. 1627.

-Soubo interpretar dunha forma persoal e con gran calidade algúns dos temas barrocos máis significativos. A pesar dun innegable sentido dramático, os seus cadros teñen unha naturalidade e un dinamismo pouco frecuentes.

-Condenada como todas ás mulleres da súa época a pintar só nus femininos, (o masculino estáballes vedado) será o coñecemento do seu propio corpo o que lle levará a realizar corpos femininos nús. Artemisia, pinta cunha luz fortemente contrastada coa sombra, e será nos corpos espidos onde alcanza os seus máximos logros,  corpos nos que a sensualidade non chega a esconder, non obstante, unha profunda e constante melancolía de vivir.


Magdalena desvanecida. 1653

Máis información de Artemisia na rede, da que parte dela aparece neste artigo sobre a artista.

ARTEMISIA E AS MULLERES FORTES DA HISTORIA on PhotoPeach <iframe width="445" height="296" src="https://photopeach.com/embed/168qbo0" frameborder="0" allowfullscreen></iframe>






ARTISTAS ITALIANAS DOS SÉCULOS XVI E XVII. ARTEMISIA GENTILLESCHI (PARTE V)


Autorretrato como alegoría da Pintura. 1630-1638

NÁPOLES (1630-1653)

En 1630, en plena madureza artística instalouse en Nápoles, onde creou un importante taller dende o que traballaba para cumprir os encargos que lle facían dende distintas partes de Europa.


Magdalena. 1630Anunciación.1630


Clío. 1632

 En Nápoles, por primeira vez, Artemisia empezou a traballar en cadros para unha catedral, dedicados a San Gennaro nell'anfiteatro dei Pozzuoli (San Xenaro no anfiteatro de Pozzuoli) en Pozzuoli. Durante o seu primeiro período napolitano pintou Nascita dei San Giovanni Battista (Nacemento de San Xoan Bautista) que se conserva no Museo do Prado de Madrid, e Corisca e il satiro (Corisca e o sátiro), que atópase nunha colección privada.


Anunciación.1630 


San Xenaro no anfiteatro de Pozzuoli. 1636


Nacemento de San Xoan Bautista. 1635

 No “Nacemento de San Juan Bautista", asombrámonos de novo co incríble emprego da luz e das sombras por parte da artista, pintado por Artemisia entre 1633 e 1635 cando xa se atopaba establecida en Nápoles  e que realizou por encargo do vicerrei de Nápoles para ser enviado ao Palacio do Bó Retiro de Madrid, pois formaba parte dunha serie de obras dedicada á vida de San Juan Bautista e que hoxe se conserva no Museo do Prado de Madrid. Unha vez máis xoga coa luz que ilumina ao pequeno, San Xoan Bautista, e ás tres mulleres que o coidan, mentres que o resto da composición permanece ás escuras. Esta foi a época de maior éxito de Artemisia, cando do seu taller saían decenas de obras e por fin superou todas as dificultades económicas do pasado.


Corisca e o sátiro. 1630-1635

 En 1638 viaxa a Inglaterra para axudar ao seu pai coa decoración do Salón de Baile da Casa das Delicias de Greenwich da raíña de Inglaterra. Rematada a obra e, malia a morte do seu pai quedou en Londres reclamada pola nobreza, para a que realizou importantes retratos. Tamén destes anos figura o seu famoso “Autorrerato como alegoría da pintura”, que foi unhas das obras favoritas do rei Carlos I de Inglaterra.


Minerva. 1635 

 En 1642 regresou a Nápoles, volvendo retomar o seu taller, realizando obras tan importantes como outra versión de “Susana e os vellos” e a “Madonna co rosario”. Sabese que en 1649 estaba de novo na cidade partenopea, pola correspondencia con Don Antonio Ruffo de Sicilia quen se converteu no seu mecenas e bo comitente durante o seu segundo período napolitano. A última carta coñecida ao seu mecenas data de 1650 e deixa claro que ela estaba aínda plenamente en activo.


Susana e os vellos. 1649



Madonna del rosario. 1651 

 Pensouse que Artemisia morrera en 1653. Evidencias recentes, con todo, amosan que aínda aceptaba encargos en 1654, aínda que dependía cada vez máis do seu asistente, Onofrio Palumbo. Por tanto, pode especularse que a súa morte tivo o seu orixe na devastadora praga que arrasou Nápoles en 1656 e virtualmente varreu a toda unha xeración de artistas napolitanos.
Cando faleceu enseguida o silencio se fixo sobre ela. Ningún dos biógrafos do século XVII ocupouse de ela (solo Baldinucci dedicoulle algunhas páxinas) e a súa obra foi atribuída a Caravaggio, ou ao seu pai.

 Hoxe apenas se recoñecen como súas non máis de cen pinturas, moitas de difícil acceso (como a Magdalena da Catedral de Sevilla) e outras en pobres condicións de conservación. Moitas das súas obras perdéronse nos depósitos de galerías e museos ou desapareceu en incendios de igrexas. Por outro lado, as súas pinturas atribuíronse a outros artistas e obras na confección das cales non participou, mentres que algunhas, moi a miúdo de calidade dubidosa, fóronlle atribuídas. Dúas obras desta última etapa da súa vida, son Santa Lucía e Santa Apolonia, realizadas entre 1642 e 1644, e atribuídas á artista por Nicola Spinosa e acompañadas por un certificado do 4 de xullo do ano 2014 con "certezza alla man della pittrice Artemisia Gentileschi". Paarece ser que formaban parella e representan, coa característica fórmula “a mezzo busto”, a dúas mártires dos primeiros séculos da era cristiá, tan habituais na pintura napolitana da primeira metade do século XVII. A historia destas novas vítimas debeu atraer especialmente a Artemisia Gentileschi, unha das poquísimas mulleres pintoras do século XVII, cuxa singular personalidade estivo sen dúbida marcada pola violación sufrida na súa mocidade, da que se conserva numerosa documentación. Desde o punto de vista estilístico pódense comparar coa “Clio”, musa da historia, conservada na Fondazione Cassa dei Risparmio de Pisa (Palazzo d´Arte e Cultura) e a súa “Minerva” da Galería dos Uffizi, Florencia. A forma en que trata a coroa de flores de Santa Lucia aseméllase ás que rodean a unha santa mártir na colección Zeri de Mentone e o magnífico reflexo grisáceo con que trata as carnaciones de ambas as santas, moi característico desta artista.


Santa Lucía.1642 


Santa Apolonia.1642





ARTISTAS ITALIANAS DOS SÉCULOS XVI E XVII. ARTEMISIA GENTILLESCHI (PARTE IV)




Susana e os vellos. 1622


  ROMA E VENECIA (1621-1630)

 En 1621 regresou a Roma onde recupera o apelido do seu pai e alí a súa fama acrecientase ata o punto que os papas Gregorio XV e Urbano VIII fanlle encargos. En 1622 tras a desaparición do seu home, ela converteuse na cabeza de familia e na dona absoluta do seu negocio (taxa os seus cadros, negocia cos acredores), que manexa con mestría, o mesmo que acontece coa súa obra. Neste período florentino entre os anos 1627 e 1630 ten unha estancia en Venecia onde pinta diversas obras como “Judith e a criada”, onde o emprego do claroescuro é moi notable ou unha “Venus dormida”.



Judith e a criada. 1625-1627

 Outra versión de "Judit e a doncela" que aínda pertence á súa etapa en Roma pois foi pintado entre 1625 e 1627, na que retoma de novo a historia da morte de Holofernes a mans de Judit e a escena na que ela e a súa doncela dispóñense a abandonar a tenda. Neste caso introduce un elemento innovador na súa pintura e que non vemos noutra, o foco de luz está visible no cadro,  unha vela que ilumina ás dúas protagonistas. Artemisia tamén foi unha reputada autora de bodegóns pero do mesmo xeito que sucede cos retratos non chegaron ata nós ou, polo menos, non foron identificados como obras de Artemisia.



Venus durmida. 1625-1630

 Con todo, a pesar da súa reputación artística, a súa forte personalidade e a rede de boas relacións, Roma non foi tan lucrativa como ela esperaba. Apreciábase a súa arte nos retratos e a súa habilidade para poñer en escena ás heroínas bíblicas, pero a ela estábanlle vedados os ricos encargos de ciclos de frescos e dos grandes retablos.



Retrato dun Gonfaloniero.1622.

 "Retrato dun gonfaloniero", obra realizada por Artemisia ao pouco tempo da súa chegada a Roma, cara ao ano 1622 e que hoxe se conserva no Palacio de Accursio de Bolonia , o único retrato que se conserva e que se pode atribuír sen dúbidas a Artemisia  a pesar de que eran precisamente os retratos unhas das súas obras máis apreciadas polos seus clientes. O cadro ten a firma de Artemisia e tamén a data da súa realización ,1622. Hai outros retratos pero a súa autoría aínda hoxe é discutida. Neste caso Artemisia retrata a un gonfaloniero, tamén chamados confalonieros, que eran os homes que levaba a bandeira dun exército, un portaestandarte, e que en Italia tamén se utilizaba para designar a un cargo municipal da cidade.





Xosé e a muller de Putifar. 1622-1623


Magdalena retratada como "A melancolía". Fundación Carlos Slim. México.1622-1625


Magadalena retratada como "A melancolía". Catedral de Sevilla. 1622-1625


Esther e Asuero. 1628

"Ester e Asuero", obra que probablemente iniciaría Artemisia cando estaba en Venecia cara a 1628 e que logo concluiría cando xa se estableceu en Nápoles. Retrata un episodio recolleito no "Libro de Ester" do Antigo Testamento. Asuero era o rei de Persia, tras desbotar a antigua raiña casa cunha hebrea, Ester, moza de gran belez . Tempo despois, sendo xa Ester raíña , Asuero ía decretar o exterminio dos udeus ,pero Ester, decidiu interceder polo seu pobo para salvalo. Antes diso fixo o xaxún durante tres días á vez que oraba a Yavhé  e o día terceiro vestiuse coas súas roupas de raíña e acompañada de dúas doncelas presentouse ante o seu esposo Asuero para pedir clemencia para os xudeus. Esta é a escena que representa Artemisia, con Ester desmaiándose polo temor que lle causa Asuero e pola debilidade de tres días de xaxún. De novo o tema da muller forte, que como Judith atrévese a imponerse ante o poder masculino.


Deixade que os nenos achéguense a min. 1629






ARTISTAS ITALIANAS DOS SÉCULOS XVI E XVII. ARTEMISIA GENTILLESCHI (PARTE III)



Autorretrato como mártir. 1615

  PERÍODO FLORENTINO (1614-1620)

 En Firenze onde trasládase no ano 1614 e onde reside ata 1620, Artemisia cámbiase o apelido polo de Lomi (un parente do seu pai que tamén era artista). Alí frecuenta os círculos artísticos e intelectuais, onde se relaciona coas compositoras e intérpretes irmás Caccini e con Galileo, con quen manterá correspondencia ao londo da súa vida, entre outros. O seu prestixio como pintora é tal que foi admitida na Accademia del Disegno, na que por primeira vez entraba unha muller. 


Magdalena. 1613


María Magdalena penitente. 1615


Allegoria dell´inclinazione. 1615

 Este cadro é unha das primeiras obras realizadas por Artemisia durante a súa estancia en Florencia, probablemente cara a 1615 e que hoxe se pode contemplar no teito da Casa Buonarroti , un palacio florentino no que viviu Miguel Anxo, o encargo recibiuno Artemisia dun sobriño do artista. Artemisia , segundo algúns historiadores de arte, retratouse a ela mesma nesta alegoría na que mostraba a súa inclinación artística , de aí o seu título "Alegoría da inclinación", co compás marcando o rumbo que debe seguir. O cadro non o vemos hoxe tal e como ela pintouno , porque en 1684 Leonardo dei Buonarotto, outro descendente de Miguel Ángel Buonarroti, contratou ao pintor Baldassare Franceschini, coñecido como Il Volterrano (1611-1689), para que cubrise en parte a nudez da muller retratada por Artemisia, un caso de censura artística semellate aos que sufriron as imaxes do Xuicio Final da Capela Sixtina.


Minerva.1615


A conversión de Magdalena. 1616

 Realizada entre 1615 e 1616, se conserva no florentino Palacio Pitti. No respaldo da cadeira na que está sentada a santa pódese ver a firma da pintora como Artemisia Lomi, o apelido que adoptara á súa chegada a Florencia. Nesta obra Artemisia preferiu amosar unha sensualidade menos explícita, cun amplo escote que María Magdalena trata de cubrir pudorosamente cun dos seus brazos, nun xesto que tamén podería ser entendido como o acto de recoñecer as súas culpas, mentres que a súa mirada aínda parece mostrar algunha vacilación ao dirixirse ao ceo  preparándose para iniciar unha nova vida. A luxosa roupa que leva María Magdalena, é máis propia dunha dama da aristocracia, porén, o pé espido que asoma na parte inferior, é un símbolo da súa renuncia á vida que levara ata aquel momento.

 Nestes anos pinta diversos cadros nos que se autorretrata como mártir ou como música, o que reivindica a súa importancia como pintora, non esquezamos que o feito de autorretratarse leva implícito no mundo da arte a autoconsideración como artista.


Autorretrato como mártir.1615


Autorretrato como tañedora de laud.1616

 Hoxe a crítica cre que o rostro de moitos dos protagonistas femininos das súas obras tiñan os trazos de Artemisia xa que quen a encargaba as obras así o pedían, para gozar da beleza do rostro da pintora. O prestixio de Artemisia irá crecendo pero a pesar do éxito no terreo profesional non ían tan ben as cousas no persoal. Nestes anos Artemisia e o seu esposo  Pierantonio Stiattesi terán os seus dous primeiros fillos que, con todo, morrerán a temperá idade, algo habitual nun tempo de elevada mortalidade infantil, e só sobrevivirá o seu terceiro vástago, unha nena á que poñería por nome Prudenzia Gentileschi, á que anos despois unirase unha cuarta e última nena, Francesca, aínda que o seu pai xa non sería Pierantonio Stiattesi.


Santa Catalina de Alexandría. 1618


Judith e a súa doncela. 1618-1619

 Nesta obra da súa  etapa en Florencia, Artemisia retoma o tema de Judit e Holofernes, o xeneral babilonio ao que Judit asasina para evitar que conquiste ao seu pobo. Neste caso representa a fuxida de Judit e a súa doncela abandonando a tenda na que deron morte a Holofernes coa cabeza do xeneral na cesta e que hoxe se pode gozar no Palacio Pitti de Florencia. Xunto coa de "Judit e Holofernes" está considerada unha das obras máis importantes de Artemisia, onde unha vez máis utiliza o efecto luminoso propio do tenebrismo creado por Caravaggio. As dúas figuras son iluminadas pola luz dunha vela  que non aparece no cadro, e Artemisia crea un gran clima de tensión entre estas dúas mulleres que temen ser descubertas polos soldados que se achan no exterior. Mentres a doncela sostén o cesto coa cabeza de Holofernes cun xesto corporal que nos fai pensar que podería tratarse da coada, Judit, que aínda empuña a arma coa que deu morte a Holofernes, mira con temor ao exterior mentres pousa unha das súas mans no ombreiro da súa doncela nun xesto de complicidade. A pesar da mocidade da pintora, uns vinte e catro anos naquel momento, é unha obra de madurez artística. 


Judith decapitando a Holofernes (segunda versión) 1620


Cleopatra.1620


Gael e Sisara. 1620


Santa Cecilia. 1620

 Nestes anos florentinos, atribúense a Artemisia dous retratos de damas do ano 1620, o que amosa a importancia desta artista na Florencia deses anos, onde relaciónase con intelectualidade e o mundo artístico e onde poden observarse algunhas das características da obra de Gentileschi, como acentuar os contrastes entre zonas iluminadas e zonas en sombra, ou oemprego de fondos neutros que se perden na escuridade, onde non se intúe ningún espazo, ningún personaxe máis.