BLOG DA PROFESORA E ARTISTA PLÁSTICA PAULA MARIÑO


martes, 28 de abril de 2015

DA XEOMETRÍA Á DESORDE, DA DESORDE Á XEOMETRÍA: detalles dunha mostra (Parte III)

 A INAUGURACIÓN




 Na inauguración contamos coa presenza da viguesa Marta Quintana, arpista e cantante que deleitounos con dúas pezas do seu primeiro álbum, o seu primeiro traballo discográfico en solitario, Amable. Marta, ten sido tambén componente de formacións vocais como o “Orfeon Terra a Nosa” e da “Camerata Ad Libitum”. Durante un tempo, Marta formou xunto con Clara Pino o duo SeteSaias, con quen sacou o disco homónimo no ano 2006.




FOTOS do numeroso público asistente










 Artigos na PRENSA sobre a exposición




lunes, 27 de abril de 2015

DA XEOMETRÍA Á DESORDE, DA DESORDE Á XEOMETRÍA: detalles dunha mostra (Parte II)


 A MONTAXE

Na montaxe participou o  alumnado como parte do traballo de aula, pois é moi importante coñecer a disposición das obras para que a visualización delas sexa a correcta, aínda que contamos tamén para a súa realización con Alberto, traballador da escola que foi quen pendurou as pezas e colocou as luces. Tamén contamos coa axuda de Rosa a profesora de escultura da escola, que como coordinadora da mostra tivo un papel fundamental na montaxe.




















 Algunhas  das pezas presentes nesta mostra fan que exista un entendemento común, pois parten dunha base xeométrica e racional, para abrirse, fuxindo dun sistema pechado e impositivo, ao pulo momentáneo e impensado de quen fai arte nun momento dado. De aí a singularidade desta mostra que amosa o traballo do alumnado que presenta tanto obras xeométricas e abstractas, como pezas que pendulan tamén nesa oscilación entre esa mirada ecléctica e o xogo que se realiza ante quen as mira que tras a dilución dos xéneros a finais do século XX, encaran este novo século con liberdade e paixón, fóra de todas as normas.

 ACRÍLICOS SOBRE LENZO E MADEIRA








 As pezas desta mostra, realizadas en acrílico, óleo e  pastel, xogan tamén co concepto de orixinalidade e autoría, pois as pezas libres de toda atadura funcionan como elemento lexitimador do obxecto en tanto que artístico e non como creación dun obxecto relacionado co manual, e racha co concepto e o presuposto de intervención física do suxeito na produción como base da constitución da noción de autoría, exercendo así un rol de autoridade intelectual e subordinando o procesual ao proceso mental que se afasta de modas e abrangue a liberdade total.

 ÓLEO SOBRE TÁBOA





domingo, 26 de abril de 2015

DA XEOMETRÍA Á DESORDE, DA DESORDE Á XEOMETRÍA: detalles dunha mostra (Parte I)



Foto co alumnado participante na mostra

 O venres 24 de maio o alumnado de Pintura da Escola de Artes e Oficios de Vigo inaugurou a mostra co título  DA XEOMETRÍA Á DESORDE, DA DESORDE Á XEOMETRÍA, que amosa o traballo realizado desde o mes de outubro ata a actualidade, nas distintas técnicas traballadas na aula: óleo, acrílico e pastel, así como en diversas técnicas mixtas.

 Como comisaria, pareceume  importante que todo o alumnado participara na mostra, debido a calidade das pezas realizadas a partir dun eixe común: a experimentación e o traballo constante. A peza de maior tamaño da mostra, parte dun xogo: a pintura automática, que desenvolve as formas e cores desde a expresión en pezas pequenas e bocetos, para rematar nunha obra de carácter marcadamente xeométrico, pero que contén na súa execución o paradigma  da expresividade e dunha cor, liberada en certo modo da forma.  En primeiro lugar os grupos de Iniciación realizaron un xogo de pintura automática, con lápiz, que foi posteriormente reelaborado en pequenos bocetos a pastel, dos que elexiron un, para facelo en formato de 57 x 70 cm e que daría lugar a unha obra de gran formato realizada en acrílico sobre lenzo polo alumnado de Perfeccionamento.



Resultado final do boceto en acrílico


BOCETOS EN PASTEL

DA XEOMETRÍA Á DESORDE, DA DESORDE Á XEOMETRÍA. PASTEL on PhotoPeach

 A ELECCIÓN DAS PEZAS

 A mostra participa de dous estilos pictóricos que foron dominantes a principios do século XX: a abstracción xeométrica e a abstracción expresiva, que parecen ser opostas e complementarias, mais na  actualidade, estas dúas tendencias que no século XX, eran case antagonistas, confúndense, mestúranse,  dilúense.

 Na ABSTRACCIÓN XEOMÉTRICA, orientada segundo o cálculo, o rigor e a norma, priman o obxectivo e os valores universais, cunha planificación da obra sobre principios racionais, previos á creación, mentres que os elementos visuais carecen de expresividade debido ao emprego de elementos neutrais, xeralmente xométricos, de factura un tanto impersoal, onde impera a claridade, a precisión e a obxectividade, en composicóns sistemáticas e moi estruturadas.

 Na ABSTRACCIÓN EXPRESIVA, que fai a súa andaina polo camiño da expresión inmediata, espontánea e directa, as obras están abocadas a un certo “desorde”, mais esta desorde non é real, pois prima a composición, sempre necesaria, aínda que a obra sexa subxectiva e expontánea, a partir de métodos de creación impulsivos e improvisados. Por este motivo estas obras revelan unha grande expresividade, e a capacidade expansiva e expresiva dos materiais é fundamental. Estas composicións asistemáticas e aparentemente faltas de estrutura, que apuntan á ambigüidade e á suxestividade, levan unha racionalide que se basea na pulsión controlada, no imperio dos sentimentos que na arte contemporánea está moi presente. 
No PHOTOPEACH, as diferentes pezas xeométricas e expresivas que aparecen na mostra.

DA XEOMETRÍA A DESORDE. XEOMETRÍA on PhotoPeach
DA XEOMETRÍA Á DESORDE. LÍRICA E EXPRESIVA on PhotoPeach

martes, 21 de abril de 2015

DA XEOMETRÍA Á DESORDE, DA DESORDE Á XEOMETRÍA. Mostra do alumnado de Pintura.

O vindeiro venres 24 de maio o alumnado de Pintura da Escola de Artes e Oficios de Vigo inaugura a mostra co título  DA XEOMETRÍA Á DESORDE, DA DESORDE Á XEOMETRÍA, que amosa o traballo realizado desde o mes de outubro ata a actualidade, nas distintas técnicas traballadas na aula: óleo, acrílico e pastel, así como en diversas técnicas mixtas.

 Como comisaria, pareceume  importante que todo o alumnado participara na mostra, debido a calidade das pezas realizadas a partir dun eixe común: a experimentación e o traballo constante.
 Estas son algunhas fotos da montaxe.