BLOG DA PROFESORA E ARTISTA PLÁSTICA PAULA MARIÑO


Poesía



                






                                POEMAS DA MULLER-ÁRBORE



 
         
I
Tes ollos pregados como raias
dos que emerxe unha mirada oblícua
cando as mans se perden enxergadas no meu corpo.
E eu agardo
cos ollos pechados
queda
quente
que esas liñas se pousen en min.

Ollos tristes.

II
Xeras descoñecidas emocións na miña pel
que esquecera ai moito tempo.
Posúes o  atractivo das causas perdidas
e deixas en min
coma un heroe que fascina
unha mancha permanente
que afonda e xenera ocos por onde penetras.
Cada paso da túa man
destila auga quente.
A miña pel é coma un lenzo sen mácula
que sinte os teus dedos com briznas de herba.
Penso pasar no teu cuarto
alí
ao carón da cama
todo o inverno.

III
Ando na procura do inesquecíbel
na percura dapegada impoluta do teu latexo.
E cando as árbores abran os buratos polo que entran os ecos do verán
cando fagamos un lugar transparente onde vivir
onde gardar o noso canso corazón
pode que sexa tarde
que non poida escoitar o ritmo pausado do teu corazón.
E logo,
esquecereite.

IV
Coma as alga pegañentas
salitrosas
son os teus beizos.
E os bicos salgados
xorden mornos
quentes
e salgados de novo.
Como as plantas verdes
xerófilas
achégome ao teu corpo
quente
suoroso.

Non podo.
Non podo deixar de pensar en ti.

V
Quéimasme coa punta dos dedos.
Déixasme
empurrada entre o teu peito e a parede.
Morna
atrapada
sen ganas de fuxir
percorrendo esa longa cicatríz
que vai lixeira polo teu corpo.

Quítasme o alento!
Quitas o meu alento, meu!


 

VI
Trepanando o meu cerebro
atopaches
o lugar onde se agochan os meus soños.

VII
Existes
porque penso en ti
doce orballo que remexe lembranzas de tempos alleos.

VIII
Bebendo da noite
deixando que o mundo xire
estou tentando asirme ao teu corpo
tentando que non me deixes
que a miña boca insensata caía sobre a túa pel que queima.
Voume polos ceos
cando me afundo no vaivén do teu corpo.

IX
Aquel circunloquio de abrazos en min
acendeu a calor
no meu interior baleiro.
E sen afastar a perda da identidade
un morno pracer
achegouse en forma de lingua de lume.

E queimoume.

X
O ollo é coma unha ameaza para a visión clara.
Mostrada espida
rexeito o obsceno
traballo na paleta co coitelo
fago fendeduras no lenzo
e frego os pigmentos uns cos outros.
Co pincel invisíbel deixo no teu torso pegadas
caligrafías feitas con movementos bruscos
torturados
nun esbozo salvaxe
de trazos executados por impulsos.
Automatismo aséptico
na tolemia de saber que o crepúsculo vive
e seremos reflectidos
coma pantasmas na  superficie xeada dun lago.

Ningunha froita 
ningunha substancia
sabe como a túa pel.




XI
Sabas desordenadas e salobres
cheas de barullos de ensordar
de ouvidos de lobeznos de pel dura
coma a túa
que pinga auga destilada polas veas que ferven
que perde a cada alento
un pouco de vida
vida
que eu recollo entre as mans cóncavas
para devolvertela a cada paso
cada vez que desaparecemos entre as sabas desordenadas.



 
 
 











 

 

 
 

 

 

 
 
 


No hay comentarios:

Publicar un comentario