BLOG DA PROFESORA E ARTISTA PLÁSTICA PAULA MARIÑO


martes, 18 de abril de 2017

ARTISTAS ITALIANAS DOS SÉCULOS XVI E XVII. SOFONISBA ANGUISSOLA (Parte III)


Sagrada familia. 1592

 VELLEZ EN ITALIA

 Viaxando cara a Cremona, Sofonisba coñeceu ao nobre xenovés Orazio Lomellino, considerablemente máis novo que ela, o capitán do barco no que viaxaba. Casáronse en 1579 en Pisa. Orazio recoñeceu e apoiou o seu traballo de pintora e establecéronse en Génova, nunha gran casa onde puido ter o seu propio estudo e tempo para pintar e debuxar. A fortuna persoal de Orazio, ademais da xenerosa pensión que lle outorgou Felipe II, permitiu a Sofonisba pintar e vivir libre e cómodamente. Sendo famosa daquela, recibiu a visita de moitos dos seus colegas, influíndo en moitos deles que aprendían e imitaban o seu estilo, pois na  súa obra destaca, sobre todo, a falta de rixidez, a mirada directa da persoa retratada que non se presenta como obxecto ou como idealización, senón como persoa, e o intelixente tratamento de luces e sombras.


Retrato de muller nova. 1601


Autorretrato de 1610

 En 1623, visitouna o pintor flamenco Anton van Dyck, quen pintou varios retratos dela a principios de 1600, e fixo bosquejos das súas visitas a Sofonisba no seu cadernos de notas. Van Dyck dixo: «Aínda que a súa vista está debilitada, mantense aínda moi alerta mentalmente». En contra do que algúns biógrafos reclaman, ela nunca se chegou a quedar cega; quizá tivo cataratas. Morreu en Palermo en 1625. Na súa tumba aparece unha inscripción na que se lía, en parte: «A Sofonisba, a miña muller [...] quen é recordada entre as mulleres ilustres do mundo, destacando en retratar as imaxes do home [...] Orazio Lomellino, apenado pola perda do seu gran amor, en 1632, dedicou este pequeno tributo a tan gran muller».


Apunte de Van Dyck, Sofonisba de vella.


Sofonisba retratada por Van Dyck.

 Un total de 50 obras foron atribuídas con seguridade a Sofonisba. Os seus cadros poden ser vistos nas galerías en Bérgamo, Budapest, Madrid (Museo do Prado), Milán (Pinacoteca de Brera), Nápoles, Siena e Florencia (Galería Uffizi). A súa obra ha ter enorme influencia nas xeracións de artistas posteriores de tal xeito, que  o seu retrato da raíña Isabel de Valois cunha pel de marta cibelina foi o retrato máis copiado en España. Pintora de estilo clásico, a súa obra estivo centrada sobre todo nos retratos cortesáns onde gustaba de colocar certos obxectos que reflectisen o carácter do retratado, modelando asemade as figuras a través dunha pincelada sutil e unha iluminación difusa que adoita envolver aos personaxes, representados case de fronte ao espectador e cunha mirada directa, conectando ambos os mundo emocionalmente.


Isabel de Valois.


Retrato dun matrimonio.


Último autorretrato de Sofonisba. Ca 1625

 Ademais destes, perténcenlle unha boa colección de autorretratos, dos que se conservaron 16 lenzos, nos que aparece demostrando a súa formación artística (pintando, tocando o espinel) e vestida con caras roupaxes propias da nobreza. Porén, nunca tivo dun taller oficial, como si tiveron pintores masculinos do momento, e a súa posición social lle impediu asinar a autoría dos lenzos.
 Sofonisba é tamén moi importante para o feminismo, pois aínda que viviu nunha época onde as mulleres estaban completamente ausentes das artes visuales debido á forte sociedade patriarcal, o gran éxito de Anguissola abriu o camiño a un gran número de mulleres que quixeron seguir a carreira de artista como Lavinia Fontana, Bárbara Longhi, Fede Galizia ou Artemisa Gentileschi.

No PHOTOPEACH, os autorretratos da artista.

SOFONISBA ANGUISSOLA on PhotoPeach

ARTISTAS ITALIANAS DOS SÉCULOS XVI E XVII. SOFONISBA ANGUISSOLA (Parte II)

 Sofonisba destaca sobre todo na realización de retratos, a partir dun tipo de representación un tanto informal,(agás nos retratos de corte) no que a miúdo os seus modelos desenvolven tarefas aparentemente domésticas, acompañados dunha serie de obxectos que definen en maior profundidad a súa personalidade, con un achegamento veraz aos obxectos e materiais (herdanza do tipo de pintura que se facía en Cremona, influenciados pola pintura de Corregio) e que asemade, insiste especialmente no estudo psicológico de quen está a pintar, como exemplo estarían os seus numerosos autorretratos nos que Sofonisba aparece lendo, tocando algún instrumento musical ou pintando, é dicir, realizando actos de índole cultural que asemade reafirman a súa posición social.


Autorretrato tocando unha espineta.1554


Autorretrato pintando. 1556


Julio Clovio. 1556


Giovanni Casselli, poeta de Cremona. 1557


Retrato de Bianca Ponzoni. 1557

 DE MILÁN A ESPAÑA

 No ano 1558, Sofonisba desprazouse a Milán, onde pintou ao Duque de Alba, quen á súa vez a recomendou ao rei Felipe II de España. Ao ano seguinte, foi invitada a visitar a corte española, o que representou un momento crucial na súa carreira. Entón tiña 27 anos. No inverno de 1559 Sofonisba chega a Madrid para converterse en dama de compañía da nova raíña Isabel de Valois, terceira esposa do rei, de quen deseguida tivo unha grande estima. Neses anos, traballou estreitamente con Alonso Sánchez Coello e aproximouse tanto ao seu estilo, que inicialmente o famoso retrato do Felipe II, en idade mediana, foi atribuído a Coello, algo que foi desmentido recentemente cando se recoñeceu a Anguissola como a autora do mesmo.


Retrato de Filipo II, atribuido durante moito tempo a Alonso Sánchez Coello. 1573


Ana de Austria. 1573

 Durante a súa estancia na corte, pinta sobre todo retratos de corte oficiais, incluíndo os da raíña e outros membros da familia real, a irmá de Felipe II: Juana, e o seu fillo, Don Carlos, así como a Isabel de Valois e Ana de Austria, cuarta esposa de Felipe II, cadros vibrantes e cheos de vida. Aínda así, debido ao seu estatus social, Sofonisba non podría cobrar polos seus retratos e recibía en compensación pequenos agasallos.


Retrato de muller nova. 1560


Isabel de Valois. 1561


Xoana de Austria. 1561


Retrato de Francisco I de Medicci. 1580


Catalina Micaela, infanta de España, detalle. 1585


Dama con toca. 1591


Margarida de Saboya. 1595


Isabel Clara Eugenia, infanta de España. 1599


Isabel Clara Eugenia. 1599

 Pinta tamén a que é considerada unha das obras cumbre do retrato cortesano non convencional, o retrato da infanta Catalina Micaela realizado entre 1590 e 1595, coñecida como a “Dama do armiño”, e que ata ben pouco atribuíaselle ao Greco. O erro sobre este retrato non só afecta o seu autor senón tamén ao personaxe e o título da obra. A moza en realidade non leva un armiño sobre os seus ombreiros, senón unha peza de pel de pelo de lince. Este tipo de pezas comezou sendo unha peza masculina e posteriormente, foi utilizada tamén polas mulleres de clase alta.


Dama do armiño, atribuída anteriormente ao Greco. 1580

 En 1570 aínda continuaba solteira, polo que varios anos logo da morte de Isabel de Valois, Felipe II arranxou un matrimonio para Sofonisba, quen casou ao ano seguinte, con Francisco de Moncada, fillo do príncipe de Paterno, vicerrei de Sicilia. A cerimonia celebrouse con gran pompa e ela recibiu un dote por parte do rei de España. A parella viaxou a Italia tralo enlace; e aínda que volveron a España, deixaron esta terra para viaxar a Palermo, onde faleceu o marido en 1578, co que rematou a estancia de vinte anos da artista na corte española. Lamentablemente gran parte da obra pictórica de Sofonisba realizada durante a súa estancia na corte española desapareceu no incendio do Alcázar de Madrid.

sábado, 8 de abril de 2017

ARTISTAS ITALIANAS DOS SÉCULOS XVI E XVII. SOFONISBA ANGUISSOLA (Parte I)

 “La vida está llena de sorpresas; intento capturar estos preciosos momentos con los ojos bien abiertos”.

Sofonisba Anguissola


 Sofonisba Anguissola naceu en Cremona, cara a 1535. Era a maior de sete irmáns, seis dos cales eran nenas. O seu pai, Amilcare Anguissola, era membro da baixa nobreza genovesa. A súa nai, Bianca Ponzone, de familia influinte. Durante as catro xeracións anteriores, a familia tivo unha estreita conexión coa historia antiga de Cartago, polo que nomearon á súa proxenie en honor do gran xeneral Aníbal, chamando á súa filla como a tráxica protagonista cartaginesa Sofonisba.

 Amilcare animou ás súas fillas (Sofonisba, Elena, Lucia, Europa, Minerva e Ana María) a cultivarse e perfeccionar os seus talentos, polo que recibiron unha boa educación na que estaban incluídas as belas artes. Ademais de Sofonisba, catro das súas irmás tamén foron pintoras, pero Sofonisba foi de lonxe a que mellor o conseguiu e foi máis renombrada. Elena fíxose monxa (Sofonisba pintou un retrato dela) e tivo que deixar de pintar, así como Ana María e Europa deixárono ao contraer matrimonio, mentres que Lucía, a mellor pintora das irmás, morreu nova. A outra irmá, Minerva, fíxose escritora e latinista. Asdrubale, o irmán varón, estudou música e latín, pero non pintaba.

 Á idade de 14 anos o seu pai enviouna, xunto coa súa irmá Elena, a estudar con Bernardino Campi, pintor tamén nacido en Cremona, un respectado autor de retratos e escenas relixiosas da escola de Lombardía. Cando Campi mudouse a outra cidade, Sofonisba continuou os seus estudos co pintor Bernardino Gatti (coñecido como «O Sojaro»). A aprendizaxe de Sofonisba con artistas locais sentou un precedente para que as mulleres fosen aceptadas como estudantes de arte. Non se sabe con certeza, pero probablemente continuou os seus estudos xunto a Gatti durante tres anos. O seu traballo máis importante daquela época é a súa obra Bernardino Campi pintando a Sofonisba Anguissola, fechado en 1550 e que se atopa na Pinacoteca Nacional de Siena.


Bernardino Campi pintando a Sofonisma. 1550. Óleo sobre lenzo.


VIAXE A ROMA

En 1554, Sofonisba viaxou a Roma, onde coñeceu a Miguel Anxo por mediación doutros pintores que coñecían ben a súa obra. Deste encontro  beneficiouse de ser "informalmente" instruída polo gran mestre. Cando el pediulle que pintase un neno chorando, Sofonisba debuxou  “Niño mordido por un cangrejo, e cando Miguel Anxo viuno, recoñeceu de inmediato o talento dela. A partir dese momento, Miguel Anxo dáballe bosquexos do seu caderno de notas para que ela os pintáse co seu estilo persoal e ofreceulle consello sobre os resultados, durante polo menos dous anos.

 De feito a importancia desta artista foi tan grande, que non podemos obviar a importancia que tivo como referente para artistas posteriores, pois como sinalan algúns estudos, é innegable a inspiración que esta obra tivo en Caravaggio, que reproduce un motivo semellante en "Neno mordido por unha lagartixa".



Ensinando a ler. Debuxo. 1552



Neno mordido por un cangrexo. Debuxo. 1553


Neno mordido por un cangrexo. 1553


Caravaggio. Neno mordido por unha lagartixa.1593

 O gran historiador da arte Giorgio Vasari escribiu sobre ela: «Anguissola mostrou a súa maior aplicación e mellor graza que calquera outra muller do noso tempo nos seus empeños por debuxar; por iso triunfou non só debuxando, coloreando e pintando da natureza, e copiando excelentemente doutros, senón por ela mesma que creou excelentes e moi belas pinturas».

 No entanto, non o tivo fácil, pois malia que contou con coraxe e apoio (máis que o resto das mulleres da súa época), a súa clase social non lle permitía ir máis aló dos límites impostos para o seu sexo. Debemos ter en conta a dificultade que entrañaba naquela época para unha muller acceder a unha formación pictórica, xa que a aprendizaxe da pintura realizábase entrando a formar parte do taller dun mestre, no que convivindo con el e outros aprendices, aprendíanse traballando, as diferentes técnicas pictóricas e os segredos da fabricación de pigmentos, o uso de aceites ou a elección de lenzos, e isto estaba vetado ás mulleres.
 Asemade non tivo a posibilidade de estudar anatomía ou debuxar do natural, pois era considerado inaceptable para unha señora que vise corpos espidos, situación que repetiríase un século despois con Elisabetta Sirani, quen tampouco puido acceder a unha formación artística completa por ser muller. Por estas restriccións Sofonisba buscou as posibilidades para un novo estilo de retratos, con personaxes con poses informales. Os membros da súa propia familia e o seu propio rostro foron os protagonistas máis frecuentes das súas obras, como se pode ver en Autorretrato (1554; no Kunsthistorisches Museum de Viena), O xogo de xadrez (1555; Museo Narodowe, Poznan), no que pinta ás súas irmás Lucía, Minerva e Europa, e o Retrato de Amílcar, Minerva e Asdrúbal Anguissola (1557-1558; Nivågårds Malerisambling, Niva, Dinamarca).



Elena, irmá de Sofonisba. 1551


Retrato de Ana María. 1555


O xogo. 1551


Retrato de neno. 1556


Retrato da familia Anguissola. Amílcare, Minerva e Asdrúbal. 1558


A súa irmá Minerva .1559

 Todos estos atrancos facían que, xeralmente, as obras pictóricas realizadas por mulleres das que temos noticia, se centraran en pintar autorretratos, retratos de familiares ou naturezas mortas, como ocorre no caso de Sofonisba ata que Felipe II a chama para ser pintora de corte. Este feito cambia a vida da artista, pois permítelle a realización de retratos da familia real.