BLOG DA PROFESORA E ARTISTA PLÁSTICA PAULA MARIÑO


domingo, 19 de noviembre de 2017

"IL MARE", mostra no MUSEO DO MAR DE GALICIA, Vigo



  Existen en toda a miña traxectoria como artista dous temas, quizais dous obsesións, que se contrapoñen, mesturan e solapan: a árbore, que é o meu “alter ego” e o mar, o mar coma paisaxe, en certo xeito desolado, onde a figura humana non ten cabida. É como unha representación do invisíbel, nunha privación do suxeito para deixar paso á emoción, nunha dialéctica do determinado e o indeterminado, que aínda así, tórnase tanxible, pois latexa nas miñas pezas a rotundidade da “Pintura-Pintura”. 

A MONTAXE














 As impresións que en min causa a paisaxe “real”, son motivos que me sirven como base para construir a miña visión plástica, a miña propia visión do mundo, que aparece en distintos soportes e expresións artísticas: madeira, papel, libros de artista, caixas, gravado ou lenzo.
 É curioso, que nos meus comezos, o mar estivera xa presente en pezas nas que habitaban seres mariños: peixes, barcos e seres acuáticos, aínda que dun xeito moi esquemático e ao mesmo tempo táctil, no emprego da madeira como soporte en polípticos que conformaban eses lugares submariños, poboados por seres que flotaban nunha sorte de líquido amniótico, na que as formas e as liñas expresaban o contido.

A SALA
















 Nos anos noventa o meu traballo está poboado de pezas silandeiras, nas que non existen apenas elementos, tan só as pegadas de algo que non está, pero que nos remiten –ao suxerir orde- a algo que sucedeu nun pasado non moi remoto en referencia a “unha estética da ausencia”. Tamén a comezos do ano 2000, existe unha poética da contemplación, baseada nunha mirada insistente, onde a única liña do horizonte adopta distintas formas, nunha mirada obcecada en pezas onde a paciencia e a reflexión dan como resultado obras moi planificadas en canto aos materiais: tinta chinesa, papel de arroz, cera, pigmentos, cordas e verníz, elementos que me acompañarán ao longo xa de toda a miña traxectoria, e que aparecen tamén en series como “Il Mare”, Paisaxes imaxinadas” ou “A Sima”. 

A INAUGURACIÓN



De esquerda á dereita, o Director do Museo, Vicente Caramés, o Comisario da mostra Xosé Carlos López Bernárdez e o Director Xeral de Cultura, Anxo Lorenzo durante a presentación.



A maravillosa actuación de Miguel de Santiago.










 Nestas pezas, abrénse un conxunto de fiestras a paisaxes recónditos e imaxinados, na busca do esencial, en lugares onde o aire paralízase e habita o silenzo, ou  en ocasións “Onde da a volta o aire”, nunha estética que achégase perto dun certo Atlantismo, e que según Robert Rossemblum remite a unha corrente do norte de Europa, moi religado ao Románticismo nórdico, coa que síntome moi identificada, pois pinto e reelaboro non só o que vexo ante min, senon o que vexo no meu interior. A natureza convértese así en metáfora, pois son paisaxes inventadas ou soñadas, aínda que o real está sempre presente, pois é ao fin, unha expresión da miña subxetividade.

A DESMONTAXE 




 Durante os meses que estivo aberta a mostra foron moitas as persoas que achegáronse para visitala. Moitas grazas a tod@s e sobre todo á dirección e quenes traballan no museo polo seu apoio incondicional.

ALGUNHAS DAS VISITAS