BLOG DA PROFESORA E ARTISTA PLÁSTICA PAULA MARIÑO


domingo, 24 de septiembre de 2017

ARTISTAS ITALIANAS DOS SÉCULOS XVI E XVII. FEDE GALIZIA (PARTE II)


Bodegón con bandeixa de vidro melocotóns e xasmíns

 Traballados na técnica do óleo, os seus bodegóns son extremadamente detallados e moi diferentes dos traballos do seu pai, Nunzio, miniaturista que vivera en Trento: pois empregou cores máis vibrantes e minuciosos detalles. Case todos os seus traballos deste xénero inclúen bandexas de froitas, cun tratamento ben proporcionado que polo xeral mostran un mesmo tipo de froita nunha canastra ou bandexa, cunhas poucas caídas ao redor. Algunhas inclúen flores frescas, bolboretas e saltamontes, como forma de marcar un contraste relevante de forma e cor.
  En canto ao personal estilo, salientar que en Italia era raro ver naturezas mortas; as poucas que se pintaban eran elaboradas e de composicións complicadas. Fede Galicia foi pioneira en presentar composicións sinxelas e elegantes. Xeralmente a imaxe consistía nun prato central cheo de froitas, e unha que outra regada pola mesa. Ao agrandar e centrar as froitas ata abarcar a totalidade da composición realzábase e dábaselle importancia á froita mesma. Feito pouco común nesa época.


Duraznos nunha cesta branca. 1602


Froitas nun plato de prata e rosa. 1602

 As obras de Fede Galizia amosan a influencia de “Canastra de froitas” de Caravaggio, e nos seus bodegóns percíbese, a través das froitas picadas ou xa moi maduras, o sentido do tempus fugit, a vida que pasa fugazmente, que xa utilizara Caravaggio anteriormente. Non explorou as composicións e formas máis esplendorosas usadas por moitos contemporáneos, preferindo no seu lugar un estilo estritamente simple como o de Francisco de Zurbarán.


Cereixas e compoteira de prata. 1610


Amorodos e vaso


Melóns

  Na súa época, esta pintora foi máis prezada polos seus retratos e obras de temas relixiosos que polas súas naturezas mortas -que non son mencionadas en moitas fontes dese tempo- aínda que a maior parte das súas obras que sobreviviron son as deste xénero, a través do cal gañou un lugar na historia da arte. Un dos seus bodegóns, datado en 1602, é considerado o primeiro en ser asinado por un artista italiano. O seu estilo ten un colorido vibrante e un moi logrado realismo, extremadamente detallista, admirable na imitación de texturas e materiais. Mostra un equilibrio perfecto de luz e sombra, figuras e fondo, evitando a aglomeración de elementos. O seu traballo influenciou a artistas como Panfilo Nuvolone e Giovanna Garzoni, e será tomado posteriormente como modelo na pintura moderna deste xénero, aínda que comentamos antes os bodegóns de Fede Galizia non tiveron un recoñecemento ata o século XX, cando llos rescatou do esquecemento e brindóuselles unha atención especial a través de estudos realizados en 1963 e 1989.


Bodegón con loros


Bodegón con peras


 Cesta de cerámica con peras, uvas e figos

Fede Galizia nunca casou. Tivo unha carreira exitosa e unha vida feliz, segundo conta a historia. Morreu en Milán, en 1630, probablemente pola praga que se propagou en Italia naquela época. Catalogáronse sesenta e tres traballos da súa autoría, dos cales corenta e tres son bodegóns.


Cesta de cerámica con distintos froitos


Cesta de mazás, castañas e coello


Natura morta con mazás


Cesta con uvas e froitos



Tazza con pexegos, flores de xasmín, marmelos e un saltamontes (1607) Colección particular 

 Con respecto a esta obra según diferentes analistas da súa obra, e como tantas outras pezas da súa proposta artística, contería un significado simbólico: a natureza morta que aquí se trata é de singular beleza. As boas condicións de conservación do lenzo dan unha nitidez cristalina non só ao frutero de cristal ou tazza, senón tamén a todas as follas e cortizas. Non é raro atopar composicións que se repiten na obra de Galizia, pois como regra xeral, o elemento principal adoita ser un frutero ou peza de cerámica, metal ou cristal, que atópanse centrado nun plano pouco profundo da composición; algunhas froitas e flores se situan simétricamente a ambos os dous lados e máis próximas ao bordo da mesa, máis nesta obra distínguense variacións significativas con respecto ao resto das súas obras.
 Esta peza xunto con outra cunha composición similar, foron engadidas a este grupo no catálogo razoado de Flavio Caroli, quen describe esta natureza morta como unha das máis sublimes e destacadas de entre as pertencentes á obra de Galizia. En 1998, Sam Segal publicou unha quinta versión coa data de 1607. O máis destacable é a presenza de dous motivos que non aparecen nas demais composicións: dous marmelos de tamaño considerable, situados na parte esquerda da composición, en lugar das habituais mazás coas súas follas, e á dereita, coidadosamente tratado nos seus detalles, un saltamontes que substitúe as flores das súas outras obras.
 En Grecia, os marmelos estaban consagrados a Afrodita, a deusa do amor. Este froito era o símbolo do amor e fecundidade, e os recentemente casados debían comer un antes de entrar na habitación nupcial. Por esta razón, durante o Renacemento, volveu ser símbolo do amor e o matrimonio. Tamén se consideraba que o doce de marmelo tiña propiedades afrodisíacas.
O saltamontes que aparece na parte inferior esquerda, é probable que sexa unha referencia ás pragas que arrasaban Europa na súa época. A iconografía das pragas cunha visión moralizante para aplicalo á época contemporánea é algo que xa se dá na Idade Media.
 Para Ramón de la Campa Carmona, o xasmín, pola súa brancura e perfume, por rubir cara ao ceo e por abrirse en maio, mes da Virxe, é símbolo do candor e da pureza marianos. Na mesma liña, Pérez Rioxa, sitúa esta flor no simbolismo cristián, pola súa brancura e aroma suave, como representación da Virxe María. Símbolo de graza, elegancia e amabilidade.
 Se o pexego que é unha froita orixinaria de China, e considerado símbolo de lonxevidade, para Sam Segal, como as flores, podería referirse á brevidade da vida. Entre os seus múltiples significados podería ser interpretado como a mazá, símbolo de elección entre o ben e o mal. Tamén podería ter implicacións eróticas ou relacionadas coa fertilidade. O máis probable é que se refira ao transitorio do ser humano neste mundo.
 Roberto Longhi definiu as naturezas mortas de Galizia como delicadas pero tristes, como a propia artista. Considéraas piadosas, equilibradas e silenciosas. O fervor relixioso da pintora é algo evidente pola promesa que realiza en 1630, cando aconteceu a famosa praga de Milán: deu orde de que o seu legado, case exclusivamente pinturas, fóra cedido á orde relixiosa dos Teatinos, aos que se atopaba particularmente vinculada, e ao seu primo e sobriño, os seus únicos parentes.  É razoable, desde a perspectiva da emblemática, que Galizia colocase un saltamontes, símbolo do paso do tempo, xunto a unha mazá picada co fin de suxerir un contraste entre os opostos, é dicir, cos marmelos sen defectos, que tamén se coñecen como as “mazás de ouro”. Pódese dicir que esta composición única sería o primeiro tratamento do tema executado pola artista, que abondará en contidos simbólicos en obras posteriores. 
 O comentario desta obra atópase no blog: MIND DE ART. FEDE GALIZIA

 Maís sobre a artista na rede:







ARTISTAS ITALIANAS DOS SÉCULOS XVI E XVII. FEDE GALIZIA (PARTE I)


Judith coa cabeza de Holofernes (posible autorretrato) 1596

 Durante o barroco, do mesmo xeito que en séculos anteriores, estaba prohibido que as mulleres artistas fosen donas de talleres e, se non tiñan a sorte de nacer dentro dunha familia de pintores con talleres propios, era case imposible que unha nova artista puidese desenvolver o seu talento. Carecían, salvo excepcións, de liberdade intelectual (acceso a estudos, viaxes, ou relacións sociais) e liberdade económica, ao non ter medios propios;  mesmo non dispoñían dun espazo persoal onde traballar, reflexionar ou crear.
 Non é posible coñecer, en xeral, a todas as que houbo e son moitas as que non estiveron recoñecidas na súa aprendizaxe, na creación e posterior mostra da súa obra. Segundo a mentalidade imperante en diversas épocas, a arte creada polas mulleres era de inferior calidade ao executado polos homes, tendo por conseguinte a súa obra menor valor desde o punto de vista técnico e material.
 Neste contexto, cobra especial significado desta artista, coñecida na Historia da arte sobre todo polos seus bodegóns, xénero considerado no Barroco italiano como menor.


Fruteiro e flores. 1590 

 Fede Gallizi, mellor coñecida como Galizia, naceu en Milán en 1578. O seu pai, Nunzio Galizia  foi un pintor de miniaturas. Del aprendeu a pintar, e dise que á idade de doce anos era suficintemente considerada artista como para ser mencionada por Giovanni Paolo Lomazzo, pintor e teórico da arte amigo do seu pai, da seguinte forma:
«Esta moza dedicouse a imitar aos nosos máis extraordinarios artistas».

 Cando Fede estivo preparada e establecida como pintora de retratos, comezou a recibir moitos encargos. Posiblemente por influencia do seu pai como miniaturista, tivo tendencia ao detalle nas súas pinturas. Pronto foi recoñecida e converteuse nunha exitosa pintora de retratos, recibindo numerosos encargos. O seu estilo ten un enfoque marcadamente realista, vinculado co manierismo lombardo de fins do século XVI, dentro da tradición naturalista do Renacemento italiano. É probable que a influencia do seu pai como miniaturista determinase a minuciosa atención ao detalle nos seus retratos, que amosa tamén na perfecta imitación de roupaxes e xoias. Tivo encargos tanto de obras sobre temas relixiosos como profanos. As súas representacións de Judith e Holofernes atópanse en varias coleccións privadas. Fede Galizia tamén realizou encargos públicos de retablos para algunhas igrexas de Milán. Un deles foi o Noli me tangere (1616, Milán, San Stefano Maggiore) que realizou para o altar da igrexa Santa María Magdalena.


Noli me tangere. 1616


Debuxo asiñado pola artista. 


Retrato de Federico Zuccari


Retrato dun físico 

 Un retrato do xesuíta Paolo Morigia, datado en 1596, é a súa primeira obra coñecida que perdura e foi pintada pola artista cando tiña dezaoito anos. Nesta pintura, o estudioso milanés, que foi un dos seus primeiros admiradores e patrocinadores, está representado no momento en que escribe unha poesía dedicada á artista; a letra é perfectamente legible no papel que se apoia sobre o volume da súa obra máis famosa, a “Nobilità dei Milano”. Nas súas lentes reflíctese a habitación na que se atopa, reforzando a ilusión de veracidade. O realismo do rostro, que ten un forte sentido psicolóxico, foi comparado cos retratos de Giambattista Moroni e do seu mestre Lorenzo Lotto, ademais de ter unha semellanza co dos pintores do norte europeo. Sábese que realizou un retrato anterior de Morigia en 1595, pero lamentablemente este perdeuse.


Paolo Morigia. 1596 


 Ademais dos retratos e miniaturas pintou retablos, pero a súa obra máis importante -pola que gañou un lugar na Historia da arte- son os seus bodegóns, aínda que as súas pinturas non gañaron o merecido recoñecemento ata ben entrado o século XX, cando por fin foron rescatadas do esquecemento. Os bodegóns de Galizia están entre os primeiros exemplos de pintura nun xénero no que unha muller, en parte por estar excluída doutros tipos de obras, alcanzou a excelencia.


Bodegón con melocotóns,cereixas e uvas nun cesto


Bodegón con plato de froita e marmelos





 


ONDE DA A VOLTA O AIRE


 “Só ía alí para iso? Non; tamén ía para estar só, para lembrar, para recapitular as impresións e aventuras de tanto meses, para reflexionar sobre todas as cousas. Eran numerosas, divertidas e difíciles de ordenar, pois todas esas impresións parecíanlle entrelazadas e confundíanse baixo moitos aspectos, de maneira que o  máis tanxible podía apenas separarse do que non fora máis que pensado, soñado ou imaxinado".

 "A MONTAÑA MÁXICA".Thomas Mann (1924)
ONDE DÁ A VOLTA O AIRE on PhotoPeach


 Estas obras de pequeno formato, están realizadas con óleo e técnicas mixtas sobre cartón, como divertimento e tamén como  experimentación. Son unha sorte de paisaxes imaxinados, onde nun momento determinado pode “dar a volta o aire”.