BLOG DA PROFESORA E ARTISTA PLÁSTICA PAULA MARIÑO


domingo, 7 de julio de 2019

ARTISTAS ITALIANAS DOS SÉCULOS XVI E XVII. ARTEMISIA GENTILLESCHI (PARTE V)


Autorretrato como alegoría da Pintura. 1630-1638

NÁPOLES (1630-1653)

En 1630, en plena madureza artística instalouse en Nápoles, onde creou un importante taller dende o que traballaba para cumprir os encargos que lle facían dende distintas partes de Europa.


Magdalena. 1630Anunciación.1630


Clío. 1632

 En Nápoles, por primeira vez, Artemisia empezou a traballar en cadros para unha catedral, dedicados a San Gennaro nell'anfiteatro dei Pozzuoli (San Xenaro no anfiteatro de Pozzuoli) en Pozzuoli. Durante o seu primeiro período napolitano pintou Nascita dei San Giovanni Battista (Nacemento de San Xoan Bautista) que se conserva no Museo do Prado de Madrid, e Corisca e il satiro (Corisca e o sátiro), que atópase nunha colección privada.


Anunciación.1630 


San Xenaro no anfiteatro de Pozzuoli. 1636


Nacemento de San Xoan Bautista. 1635

 No “Nacemento de San Juan Bautista", asombrámonos de novo co incríble emprego da luz e das sombras por parte da artista, pintado por Artemisia entre 1633 e 1635 cando xa se atopaba establecida en Nápoles  e que realizou por encargo do vicerrei de Nápoles para ser enviado ao Palacio do Bó Retiro de Madrid, pois formaba parte dunha serie de obras dedicada á vida de San Juan Bautista e que hoxe se conserva no Museo do Prado de Madrid. Unha vez máis xoga coa luz que ilumina ao pequeno, San Xoan Bautista, e ás tres mulleres que o coidan, mentres que o resto da composición permanece ás escuras. Esta foi a época de maior éxito de Artemisia, cando do seu taller saían decenas de obras e por fin superou todas as dificultades económicas do pasado.


Corisca e o sátiro. 1630-1635

 En 1638 viaxa a Inglaterra para axudar ao seu pai coa decoración do Salón de Baile da Casa das Delicias de Greenwich da raíña de Inglaterra. Rematada a obra e, malia a morte do seu pai quedou en Londres reclamada pola nobreza, para a que realizou importantes retratos. Tamén destes anos figura o seu famoso “Autorrerato como alegoría da pintura”, que foi unhas das obras favoritas do rei Carlos I de Inglaterra.


Minerva. 1635 

 En 1642 regresou a Nápoles, volvendo retomar o seu taller, realizando obras tan importantes como outra versión de “Susana e os vellos” e a “Madonna co rosario”. Sabese que en 1649 estaba de novo na cidade partenopea, pola correspondencia con Don Antonio Ruffo de Sicilia quen se converteu no seu mecenas e bo comitente durante o seu segundo período napolitano. A última carta coñecida ao seu mecenas data de 1650 e deixa claro que ela estaba aínda plenamente en activo.


Susana e os vellos. 1649



Madonna del rosario. 1651 

 Pensouse que Artemisia morrera en 1653. Evidencias recentes, con todo, amosan que aínda aceptaba encargos en 1654, aínda que dependía cada vez máis do seu asistente, Onofrio Palumbo. Por tanto, pode especularse que a súa morte tivo o seu orixe na devastadora praga que arrasou Nápoles en 1656 e virtualmente varreu a toda unha xeración de artistas napolitanos.
Cando faleceu enseguida o silencio se fixo sobre ela. Ningún dos biógrafos do século XVII ocupouse de ela (solo Baldinucci dedicoulle algunhas páxinas) e a súa obra foi atribuída a Caravaggio, ou ao seu pai.

 Hoxe apenas se recoñecen como súas non máis de cen pinturas, moitas de difícil acceso (como a Magdalena da Catedral de Sevilla) e outras en pobres condicións de conservación. Moitas das súas obras perdéronse nos depósitos de galerías e museos ou desapareceu en incendios de igrexas. Por outro lado, as súas pinturas atribuíronse a outros artistas e obras na confección das cales non participou, mentres que algunhas, moi a miúdo de calidade dubidosa, fóronlle atribuídas. Dúas obras desta última etapa da súa vida, son Santa Lucía e Santa Apolonia, realizadas entre 1642 e 1644, e atribuídas á artista por Nicola Spinosa e acompañadas por un certificado do 4 de xullo do ano 2014 con "certezza alla man della pittrice Artemisia Gentileschi". Paarece ser que formaban parella e representan, coa característica fórmula “a mezzo busto”, a dúas mártires dos primeiros séculos da era cristiá, tan habituais na pintura napolitana da primeira metade do século XVII. A historia destas novas vítimas debeu atraer especialmente a Artemisia Gentileschi, unha das poquísimas mulleres pintoras do século XVII, cuxa singular personalidade estivo sen dúbida marcada pola violación sufrida na súa mocidade, da que se conserva numerosa documentación. Desde o punto de vista estilístico pódense comparar coa “Clio”, musa da historia, conservada na Fondazione Cassa dei Risparmio de Pisa (Palazzo d´Arte e Cultura) e a súa “Minerva” da Galería dos Uffizi, Florencia. A forma en que trata a coroa de flores de Santa Lucia aseméllase ás que rodean a unha santa mártir na colección Zeri de Mentone e o magnífico reflexo grisáceo con que trata as carnaciones de ambas as santas, moi característico desta artista.


Santa Lucía.1642 


Santa Apolonia.1642





ARTISTAS ITALIANAS DOS SÉCULOS XVI E XVII. ARTEMISIA GENTILLESCHI (PARTE IV)




Susana e os vellos. 1622


  ROMA E VENECIA (1621-1630)

 En 1621 regresou a Roma onde recupera o apelido do seu pai e alí a súa fama acrecientase ata o punto que os papas Gregorio XV e Urbano VIII fanlle encargos. En 1622 tras a desaparición do seu home, ela converteuse na cabeza de familia e na dona absoluta do seu negocio (taxa os seus cadros, negocia cos acredores), que manexa con mestría, o mesmo que acontece coa súa obra. Neste período florentino entre os anos 1627 e 1630 ten unha estancia en Venecia onde pinta diversas obras como “Judith e a criada”, onde o emprego do claroescuro é moi notable ou unha “Venus dormida”.



Judith e a criada. 1625-1627

 Outra versión de "Judit e a doncela" que aínda pertence á súa etapa en Roma pois foi pintado entre 1625 e 1627, na que retoma de novo a historia da morte de Holofernes a mans de Judit e a escena na que ela e a súa doncela dispóñense a abandonar a tenda. Neste caso introduce un elemento innovador na súa pintura e que non vemos noutra, o foco de luz está visible no cadro,  unha vela que ilumina ás dúas protagonistas. Artemisia tamén foi unha reputada autora de bodegóns pero do mesmo xeito que sucede cos retratos non chegaron ata nós ou, polo menos, non foron identificados como obras de Artemisia.



Venus durmida. 1625-1630

 Con todo, a pesar da súa reputación artística, a súa forte personalidade e a rede de boas relacións, Roma non foi tan lucrativa como ela esperaba. Apreciábase a súa arte nos retratos e a súa habilidade para poñer en escena ás heroínas bíblicas, pero a ela estábanlle vedados os ricos encargos de ciclos de frescos e dos grandes retablos.



Retrato dun Gonfaloniero.1622.

 "Retrato dun gonfaloniero", obra realizada por Artemisia ao pouco tempo da súa chegada a Roma, cara ao ano 1622 e que hoxe se conserva no Palacio de Accursio de Bolonia , o único retrato que se conserva e que se pode atribuír sen dúbidas a Artemisia  a pesar de que eran precisamente os retratos unhas das súas obras máis apreciadas polos seus clientes. O cadro ten a firma de Artemisia e tamén a data da súa realización ,1622. Hai outros retratos pero a súa autoría aínda hoxe é discutida. Neste caso Artemisia retrata a un gonfaloniero, tamén chamados confalonieros, que eran os homes que levaba a bandeira dun exército, un portaestandarte, e que en Italia tamén se utilizaba para designar a un cargo municipal da cidade.





Xosé e a muller de Putifar. 1622-1623


Magdalena retratada como "A melancolía". Fundación Carlos Slim. México.1622-1625


Magadalena retratada como "A melancolía". Catedral de Sevilla. 1622-1625


Esther e Asuero. 1628

"Ester e Asuero", obra que probablemente iniciaría Artemisia cando estaba en Venecia cara a 1628 e que logo concluiría cando xa se estableceu en Nápoles. Retrata un episodio recolleito no "Libro de Ester" do Antigo Testamento. Asuero era o rei de Persia, tras desbotar a antigua raiña casa cunha hebrea, Ester, moza de gran belez . Tempo despois, sendo xa Ester raíña , Asuero ía decretar o exterminio dos udeus ,pero Ester, decidiu interceder polo seu pobo para salvalo. Antes diso fixo o xaxún durante tres días á vez que oraba a Yavhé  e o día terceiro vestiuse coas súas roupas de raíña e acompañada de dúas doncelas presentouse ante o seu esposo Asuero para pedir clemencia para os xudeus. Esta é a escena que representa Artemisia, con Ester desmaiándose polo temor que lle causa Asuero e pola debilidade de tres días de xaxún. De novo o tema da muller forte, que como Judith atrévese a imponerse ante o poder masculino.


Deixade que os nenos achéguense a min. 1629






ARTISTAS ITALIANAS DOS SÉCULOS XVI E XVII. ARTEMISIA GENTILLESCHI (PARTE III)



Autorretrato como mártir. 1615

  PERÍODO FLORENTINO (1614-1620)

 En Firenze onde trasládase no ano 1614 e onde reside ata 1620, Artemisia cámbiase o apelido polo de Lomi (un parente do seu pai que tamén era artista). Alí frecuenta os círculos artísticos e intelectuais, onde se relaciona coas compositoras e intérpretes irmás Caccini e con Galileo, con quen manterá correspondencia ao londo da súa vida, entre outros. O seu prestixio como pintora é tal que foi admitida na Accademia del Disegno, na que por primeira vez entraba unha muller. 


Magdalena. 1613


María Magdalena penitente. 1615


Allegoria dell´inclinazione. 1615

 Este cadro é unha das primeiras obras realizadas por Artemisia durante a súa estancia en Florencia, probablemente cara a 1615 e que hoxe se pode contemplar no teito da Casa Buonarroti , un palacio florentino no que viviu Miguel Anxo, o encargo recibiuno Artemisia dun sobriño do artista. Artemisia , segundo algúns historiadores de arte, retratouse a ela mesma nesta alegoría na que mostraba a súa inclinación artística , de aí o seu título "Alegoría da inclinación", co compás marcando o rumbo que debe seguir. O cadro non o vemos hoxe tal e como ela pintouno , porque en 1684 Leonardo dei Buonarotto, outro descendente de Miguel Ángel Buonarroti, contratou ao pintor Baldassare Franceschini, coñecido como Il Volterrano (1611-1689), para que cubrise en parte a nudez da muller retratada por Artemisia, un caso de censura artística semellate aos que sufriron as imaxes do Xuicio Final da Capela Sixtina.


Minerva.1615


A conversión de Magdalena. 1616

 Realizada entre 1615 e 1616, se conserva no florentino Palacio Pitti. No respaldo da cadeira na que está sentada a santa pódese ver a firma da pintora como Artemisia Lomi, o apelido que adoptara á súa chegada a Florencia. Nesta obra Artemisia preferiu amosar unha sensualidade menos explícita, cun amplo escote que María Magdalena trata de cubrir pudorosamente cun dos seus brazos, nun xesto que tamén podería ser entendido como o acto de recoñecer as súas culpas, mentres que a súa mirada aínda parece mostrar algunha vacilación ao dirixirse ao ceo  preparándose para iniciar unha nova vida. A luxosa roupa que leva María Magdalena, é máis propia dunha dama da aristocracia, porén, o pé espido que asoma na parte inferior, é un símbolo da súa renuncia á vida que levara ata aquel momento.

 Nestes anos pinta diversos cadros nos que se autorretrata como mártir ou como música, o que reivindica a súa importancia como pintora, non esquezamos que o feito de autorretratarse leva implícito no mundo da arte a autoconsideración como artista.


Autorretrato como mártir.1615


Autorretrato como tañedora de laud.1616

 Hoxe a crítica cre que o rostro de moitos dos protagonistas femininos das súas obras tiñan os trazos de Artemisia xa que quen a encargaba as obras así o pedían, para gozar da beleza do rostro da pintora. O prestixio de Artemisia irá crecendo pero a pesar do éxito no terreo profesional non ían tan ben as cousas no persoal. Nestes anos Artemisia e o seu esposo  Pierantonio Stiattesi terán os seus dous primeiros fillos que, con todo, morrerán a temperá idade, algo habitual nun tempo de elevada mortalidade infantil, e só sobrevivirá o seu terceiro vástago, unha nena á que poñería por nome Prudenzia Gentileschi, á que anos despois unirase unha cuarta e última nena, Francesca, aínda que o seu pai xa non sería Pierantonio Stiattesi.


Santa Catalina de Alexandría. 1618


Judith e a súa doncela. 1618-1619

 Nesta obra da súa  etapa en Florencia, Artemisia retoma o tema de Judit e Holofernes, o xeneral babilonio ao que Judit asasina para evitar que conquiste ao seu pobo. Neste caso representa a fuxida de Judit e a súa doncela abandonando a tenda na que deron morte a Holofernes coa cabeza do xeneral na cesta e que hoxe se pode gozar no Palacio Pitti de Florencia. Xunto coa de "Judit e Holofernes" está considerada unha das obras máis importantes de Artemisia, onde unha vez máis utiliza o efecto luminoso propio do tenebrismo creado por Caravaggio. As dúas figuras son iluminadas pola luz dunha vela  que non aparece no cadro, e Artemisia crea un gran clima de tensión entre estas dúas mulleres que temen ser descubertas polos soldados que se achan no exterior. Mentres a doncela sostén o cesto coa cabeza de Holofernes cun xesto corporal que nos fai pensar que podería tratarse da coada, Judit, que aínda empuña a arma coa que deu morte a Holofernes, mira con temor ao exterior mentres pousa unha das súas mans no ombreiro da súa doncela nun xesto de complicidade. A pesar da mocidade da pintora, uns vinte e catro anos naquel momento, é unha obra de madurez artística. 


Judith decapitando a Holofernes (segunda versión) 1620


Cleopatra.1620


Gael e Sisara. 1620


Santa Cecilia. 1620

 Nestes anos florentinos, atribúense a Artemisia dous retratos de damas do ano 1620, o que amosa a importancia desta artista na Florencia deses anos, onde relaciónase con intelectualidade e o mundo artístico e onde poden observarse algunhas das características da obra de Gentileschi, como acentuar os contrastes entre zonas iluminadas e zonas en sombra, ou oemprego de fondos neutros que se perden na escuridade, onde non se intúe ningún espazo, ningún personaxe máis.















ARTISTAS ITALIANAS DOS SÉCULOS XVI E XVII. ARTEMISIA GENTILLESCHI (PARTE II)


Simon Vouet. Retrato de Artemisia, 1623

  COMEZOS ROMANOS

 Filla do pintor barroco Orazio Gentilleschi, con quen se educou artisticamente e do que se mostra debedora, sobre todo nas súas primeiras obras, naceu en Roma en 1593 e pronto comezou a aprender a práctica e a teoría da arte.

Virxe co neno. 1609


Muller tocando o laud. 1609-1612

 En 1610 asinou a súa primeira obra mestra, Susana e os vellos, obra de asunto bíblico que escondía unha historia un tanto erótica, que a pintora trata dun xeito distinto á habitual, que era mostrar a moza bañándose nua ignorante de que dous anciáns libidinosos a contemplan. Artemisia en cambio, a pinta no momento de descubrir que a contemplan, tratando de taparse cara e peito, nun xesto de vergoña e pudor, é dicir, dunha forma que a crítica  interpreta como "empatía feminina", e separada por un muro dos vellos, o que comporta un afastamento non só físico senón tamén psíquico.



Susana e os vellos. 1610



 Tras unha violación que a deixou marcada para sempre (foi violada por outro pintor, Agostino Tassi, e no xuízo contra o mesmo, longo e público, chegoulla a someter a un tipo de tortura coñecida como "a da empulgadera"), contraeu matrimonio por conveniencia cun amigo da familia para salvar a súa honra,  feito que permitiulle independendizarse do seu pai e poder desenvolver o seu persoal xeito de entender a pintura. Do xuicio, restan un dos poucos textos (actas) que conservanse da artista.
 A súa especialidade foron os grandes cadros de temas bíblicos ou históricos, con heroinas dos textos sagrados e do pasado histórico, mulleres case sempre violentas, guerreiras, loitadoras, fortes, que non dubidaban en matar ou en morrer, aínda que tamén pinta retratos e cadros relixiosos entre eles varias Madonnas.


Madonna co neno. 1610


Danae. 1612

 No seu estilo violento e dramaticamente barroco detéctase a influencia de Caravaggio, nos seus impactantes composicións, as súas intensas cores e o seu grande realismo que o fai rozar ata o desagradable. Son mulleres como Judith, Lucrecia ou Cleopatra que loitan soas nun  mundo de homes.


Judith e Holofernes. 1612



ARTISTAS ITALIANAS DOS SÉCULOS XVI E XVII. ARTEMISIA GENTILLESCHI (PARTE I)


Retrato de Artemisia, artista descoñecido. Ca 1614

 A historia da arte negou ás mulleres, a muller non é nada, é un ente valeiro, xa que logo, os datos persoais son os que definen as súas biografías. Se tomamos como exemplo a Frida, Sofonisba ou Artemisia, a súa historia estivo escrita sempre en relación aos homes  que as acompañaron, como se elas non posuíran por si mesmas valores artísticos, sen necesidade de asociala a un home. Presentan asímesmo  estereotipos sobre a condición feminina e a súa problemática, como se os homes artistas non tiveran rasgos persoais ou experiencias vitais que afectaran a súa actividade ou axudaran a salientala. De feito, na historiografia escrita por homes durante varios séculos, as mulleres artistas existen, como se estiveran dotadas milagrosamente de cualidades especais e non serven como modelo para o resto das mulleres.

 Artemisia é, a pesar do escurecemento ao que estivo sometida durante séculos,  unha das creadoras mais importantes do Barroco, aínda que os seus comezos como pintora non foron moi diferentes aos das outras mulleres da época. Confinada no fogar, foi formada polo seu pai como a maior parte das mulleres artistas, sendo a única dos fillos de Orazio en seguir os seus pasos, dende moi nova, limpando os seus pinceis ou facendo mesturas das cores. A súa aprendizaxe no obradoiro, na que primaba a educación artística, xa que ela non aprendeu a ler nin escribir ata os dezaoito anos, permítiulle acadar unha formación que a situará posteriormente entre os artistas máis afamados da súa época.


Orazio Getilleschi. David e Goliat.1607



 Foi unha pintora recoñecida polos seus contemporáneos, e ela mesma considérase artista. A ambición de Artemisia,  non era parecerse aos pintores, senón ser un deles. Crítica coa súa propia obra, resístese ante as esixencias dos compradores, mentres independente e autosuficente -hai varias cartas delas nas que defendea súa  posición de cabeza de familia-, consegue expresar a súa propia visión da vida, a partir dunha proposta persoal, pois ela, pensa sempre en termos pictóricos.

 Aínda así, a súa figura coñecerase debido a un feito alleo á pintura, como son a violación e xuizo posterior, que marcan a a súa vida e a súa obra, aparecendo na historia da arte como unha muller lixeira e libertina, mais que como a poderosa artista que  foi. Esta condición de libertinaxe, reflicte a súa condición de independecia, incluso sexual, nunha sociedade machista, pero que define unha personalidade forte e independente, de muller que sabe o que quere no camino da vida e da arte. Xulgada para desacreditala como  femia e como artista -pode que o primeiro sexa un pretexto para restarlle importancia a súa pintura- será a sua imaxe de femme fatale a que pase a posteridade ata que nos anos noventa a crítica feminista reivindica a súa figura.



Judth decapitando a Holofernes.1620-1621

 Artemisia é unha das primeiras mulleres na historia da arte cun interese incuestionable, e a súa obra é un reto sobre a educación e o comportamento que as prescricións humanistas facían das mulleres artistas de época, pero  o que fai que sexa tan salientable na actualidade, ademáis de pola boa factura das súas obras e pola relación entre arte e vida que  se rescata da súa pintura, é a innovación encanto ao tratamento dos temas e o papel da muller na iconografía dos seus cadros. Como Elisabetta Sirani importante artista boloñesa e contemporánea, participa do interese polo tema da muller heroica, cinguida aos requisitos do drama barroco e afastadas dos ideas máis pasivos sobre a feminidade que aparecen a partir do Renacemento. O recoñecemento da súa propia feminidade e a traxedia que viviu refíctense en varias obras e mantéñense durante toda súa vida, nunha  serie de pinturas nas que a muller aparece como vítima dunha sociade inxusta. Non é menos importante o feito da representación das mulleres como musas de diferentes actividades artísticas o das súas heroínas, Judit, Esther ou Cleopatra, mulleres fortes e independentes na historia da iconografía do barroco, pero ás que Artemisia da un tratamento especial, salientando a súa carraxe e a súa independencia.


Morte de Cleopatra. 1621


Lucrecia. 1623


A morte de Cleopatra. 1629