Judith coa cabeza de Holofernes (posible autorretrato) 1596
Durante o barroco, do mesmo xeito que en
séculos anteriores, estaba prohibido que
as mulleres artistas fosen donas de talleres e, se non tiñan a sorte de nacer
dentro dunha familia de pintores con talleres propios, era case imposible que
unha nova artista puidese desenvolver o seu talento. Carecían, salvo excepcións, de liberdade intelectual (acceso a
estudos, viaxes, ou relacións sociais) e
liberdade económica, ao non ter medios propios; mesmo non dispoñían dun espazo persoal onde
traballar, reflexionar ou crear.
Non é
posible coñecer, en xeral, a todas as que houbo e son moitas as que non
estiveron recoñecidas na súa aprendizaxe, na creación e posterior mostra da súa
obra. Segundo a mentalidade imperante en diversas épocas, a arte creada polas mulleres era de
inferior calidade ao executado polos homes, tendo por conseguinte a súa
obra menor valor desde o punto de vista técnico e material.
Neste contexto, cobra especial significado desta
artista, coñecida na Historia da arte
sobre todo polos seus bodegóns, xénero considerado no Barroco italiano como
menor.
Fruteiro e flores. 1590
Fede Gallizi, mellor
coñecida como Galizia, naceu en Milán en 1578. O seu pai, Nunzio Galizia foi un pintor de miniaturas. Del aprendeu a
pintar, e dise que á idade de doce anos era suficintemente considerada artista
como para ser mencionada por Giovanni Paolo Lomazzo, pintor e teórico da arte
amigo do seu pai, da seguinte forma:
«Esta moza dedicouse
a imitar aos nosos máis extraordinarios artistas».
Cando Fede estivo preparada e establecida como
pintora de retratos, comezou a recibir moitos encargos. Posiblemente por
influencia do seu pai como miniaturista,
tivo tendencia ao detalle nas súas pinturas. Pronto foi recoñecida e
converteuse nunha exitosa pintora de retratos, recibindo numerosos encargos. O
seu estilo ten un enfoque marcadamente
realista, vinculado co manierismo lombardo de fins do século XVI, dentro da
tradición naturalista do Renacemento italiano. É probable que a influencia
do seu pai como miniaturista determinase a minuciosa atención ao detalle nos
seus retratos, que amosa tamén na perfecta imitación de roupaxes e xoias. Tivo encargos tanto de obras sobre temas
relixiosos como profanos. As súas representacións de Judith e Holofernes
atópanse en varias coleccións privadas. Fede Galizia tamén
realizou encargos públicos de retablos para algunhas igrexas de Milán. Un deles
foi o Noli me tangere (1616, Milán, San Stefano Maggiore) que realizou para o
altar da igrexa Santa María Magdalena.
Noli me tangere. 1616
Debuxo asiñado pola artista.
Retrato de Federico Zuccari
Retrato dun físico
Un
retrato do xesuíta Paolo Morigia, datado en 1596, é a súa primeira obra
coñecida que perdura e foi pintada pola artista cando tiña dezaoito anos. Nesta pintura, o
estudioso milanés, que foi un dos seus primeiros admiradores e patrocinadores,
está representado no momento en que escribe unha poesía dedicada á artista; a
letra é perfectamente legible no papel que se apoia sobre o volume da súa obra
máis famosa, a “Nobilità dei Milano”. Nas súas lentes reflíctese a habitación
na que se atopa, reforzando a ilusión de veracidade. O realismo do rostro, que
ten un forte sentido psicolóxico, foi comparado cos retratos de Giambattista
Moroni e do seu mestre Lorenzo Lotto, ademais de ter unha semellanza co dos
pintores do norte europeo. Sábese que realizou un retrato anterior de Morigia
en 1595, pero lamentablemente este perdeuse.
Paolo Morigia. 1596
Ademais dos retratos e miniaturas pintou
retablos, pero a súa obra máis
importante -pola que gañou un lugar na Historia da arte- son os seus bodegóns, aínda
que as súas pinturas non gañaron o merecido recoñecemento ata ben entrado o
século XX, cando por fin foron rescatadas do esquecemento. Os bodegóns de Galizia están entre os primeiros exemplos de pintura nun
xénero no que unha muller, en parte por estar excluída doutros tipos de obras,
alcanzou a excelencia.
Bodegón con melocotóns,cereixas e uvas nun cesto
Bodegón con plato de froita e marmelos
No hay comentarios:
Publicar un comentario