O martes 18 de marzo, tivo lugar na biblioteca
da EMAO, a conferencia FACES DO PAÍS, O RETRATO EN GALICIA 1890-1950. O
profesor de Lingua e Literatura Galegas e licenciado en Xeografía e Historia,
sección Historia da Arte, Xose Carlos L. Bernárdez, que ao mesmo tempo é ensaísta
de temas literarios e artísticos e ten comisariadas varias exposicións sobre
arte, foi o encargado de falarnos da evolución cara a modernidade do retrato
galego. Na sala, ateigada de público, o conferenciante
falounos deste xénero canónico da arte, o retrato, que articula nunha imaxe
pictórica o que é propio do individuo e aquilo que pertence ao seu medio de
apariencias.
O
crítico falou tamén da importancia destes artistas galegos que viaxan e
estudian fóra de Galicia e que aportan certa innovación transformando a pintura
na estilística e no uso. Para Bernárdez, estas innovacións están provocadas polo emprego da fotografía como elemento
de retrato, pois na pintura, o retrato constituía un elemento que resaltaba o
status social a partir da individualización. Na conferencia faláronse de
artistas decimonónicos como Sotomayor, que tiña dúas liñas de actuación: unha aristocrática
e outra costumista, aínda que dun xeito idealizado; da Xeración Doente e de
artistas como Corredoira ou Castelao, que a comezos do século XX, empregaron a
autorrepresentación e a estética e claves simbolistas para desenvolver o seu
traballo.
“Os
Novos”, según Bernárdez, xogaron tamén un importante papel na nova percepción
do país a través de cadros de tema costumista pero no que o idealismo xa non
está presente, mentres que outros artistas de entreguerras empregaron, como
Maruja Mallo, a autorrepresentación a partir da fotografía. Para outros
artistas como Laxeiro, Granell ou Seoane a obxectualización da figura e a
disolución da imaxe no retrato a partir do disfraz, está moi presente na
primeira metada do século XX. O profesor Bernárdez salientou así a pluralidade de propostas e posturas
formais, desde o retrato inscrito en correntes clasicistas e rexionalistas, até
o emprego do mesmo como transmisor da
mensaxe plástica que en ocasións posúe tamén contido social.
Unha conferencia pois, moi interesante que
contou cun numeroso público entre os que se atopaban asemade un nutrido grupo
do alumnado de Pintura, e na que estiveron presentes tamén alumnos e alumnas
dos obradoiros de Debuxo, Serigrafía e Escultura en talla.
Un luxazo. Moitas grazas Carlos.
No hay comentarios:
Publicar un comentario