BLOG DA PROFESORA E ARTISTA PLÁSTICA PAULA MARIÑO


domingo, 27 de octubre de 2013

VERMEER DE DELFT (Parte IX)



  Para rematar con estes estudios da obra de Vermeer, falaremos hoxe dunha obra que explica moi ben a estética do holandés: A CARTA DE AMOR, do ano 1670 e que pertence a súa última etapa. O pintor holandés ten cinco obras adicadas ao mesmo tema: a carta, nas que interpreta o acto da lectura ou máis ben a visión dun acto íntimo, e dos que quizaís “A carta de amor” sexa o máis enigmático.
A primeira destas obras: “Rapaza lendo unha carta nunha ventá aberta” datada entre os anos 1657-59, posúe todas as características dos interiores de Vermeer: luz que entra pola esquerda, muller nun acto íntimo, cortinón e unha mesa que impídenos chegar a ela.
 (1)


O segundo cadro: “A rapaza  de azul lendo unha carta” (2) do ano 1664, é semellante a anterior, pero cunha vestimenta nun azul característico do holandés e cun mapa no fondo, tamén unha das constantes dos seus interiores.

 (2)
 
 
 A terceira obra: ”Dama coa súa servente sostendo unha carta” (3) do ano 1667, engade unha persoa tamén na escena, neste caso unha muller, e mantén as características tamén da colocación da mesa nun primeiro plano, e do emprego de cores potentes, como o amarelo do vestido da Dona. Esta obra parece ser a continuación pola ropaxe dunha obra anterior “Muller escribindo unha carta” (4), do ano 1665, no que a muller, vestida dun xeito case idéntico, mira ao espectador, sentada ante a mesma mesa que na obra do ano 1667.


 (3)
 

 (4)
 

 Na cuarta obra: “Dama escribindo unha carta coa súa criada”(5) do ano 1670, a  dona está escribindo e mantéñense os elementos doutras obras: a ventá da que sae a fonte de luz na esquerda, un cadro no fondo e o chan axedrezado que axuda a xerar perspectiva, así como a mesa nun primeiro plano, que impídenos entrar no “Locus” privado e coñecer o contido da carta escrita e a intención de quen a  escribe.
 (5)
 

 Na quinta obra: “A carta de amor” (6) tamén do ano 1667, é unha escena que Vermeer escenifica dun xeito misterioso: o tema da carta, está tratado desde un punto de vista distinto, creando un espazo en perspectiva máis afastado de quen mira a escena, un espazo esaxerado propio do emprego de lentes sen perfeccionar, e ao  mesmo tempo un espazo de misterio.

 (6)
 
 
 Veermer gusta dunha arte nú. Os seus interiores redúcense a unha parede -adornada cun cadro de significado simbólico ou cun mapa-, a unha mesa, a unha ventá, situada sempre á esquerda e pola que penetra a luz. A profundidade queda suxerida polo artificio da disposición dos obxectos, e a composición obedece a trazas xeométricas puras. A vida só está evocada pola presenza dunha persoa, con moita frecuencia unha muller nova, ou dunha parella, e grandes baleiros que rodean de silencio esas figuras. Valéndose de medios puramente pictóricos, e grazas a unha aparencia de obxectividade, consegue crear un universo poético. No cadro pódese ver en primeiro plano un cuarto en penumbra, a porta, franqueada por unha cadeira baleira sobre a que descansan unhas partituras (7), da cal se abre a unha segunda estanza iluminada, máis ao fondo. De novo aparece unha das constantes de Vermeer: as súas obras están pintadas para que non se poda entrar enteiramente nelas.  O suxeito visual ten sempre un elemento que obstaculiza a súa presencia: unha mesa, unha cadeira. O que vemos está ahí, pero non podemos entrar, apoderarnos enteiramente do espazo. Podemos ver como a serventa dalle á carta dende o cuarto na escuridade, a traverso da porta aberta, mais non saberemos nunca que di a carta, quen enviuona ou que pensa a dama. Nesta obra, pode entenderse como unha alegoria da súa pintura: diversos obstáculos marcan a distancia creando un espazo privado, onde quen mira non pode entrar, porque é un espazo de intimidade.

 (7)


Alí a vai as dúas mulleres, unha dama e a súa serventa (8). Outra constante na obra de Vermeer, case sempre son mulleres as que viven nos seus cadros: escenas de galanteo, visitas e lecturas de cartas que coincide nos temas con outros pintores contemporâneos como Gerard ter Borch, Gerrit Dou, Nicolaes Maes ou Gäbriel Metsu, pero que no pintor de Delft non aparecen tan claramente os motivos moralizantes dos seus coetâneos, pois aínda que non renuncia a eles, reduce moito tanto o seu número como a súa importância: un emblema que recorda a templanza, un cuadro co “Xuicio Final”, un espello que nos fala da vaidade, un amorcillo, ou o xeito de que o virxinal poda aludir aos perigos da música. Porén, Vermeer indícanos como mirar: e que o xeito no que miramos pode descubrirnos unha realidade moito mais engaiolante que a que o propro xénero representa. A pintura de Vermeer é intensa, e obríganos a unha atención que vai máis aló da curiosidade, de ahí a importância da mirada na obra do artista, que propónnos unha nova ollada sobre a realidade e con isto unha sorte de “lanzamento de dados”: quen mira e quen completa a obra.

 (8)
 

 A criada interrompeu un instante o traballo do fogar para entregar á dona unha carta que acaba de chegar. A cesta da colada está no chan e tamén unha vassoira (9). A dama, sentada, tocaba o laúde preto da cheminea. Da parede do fondo, detrás das mulleres, pendura un cadro que representa unha paisaxe mariña cun barco. O punto de vista sitúase na zona de sombra, de tal forma que a mirada do espectador ou espectadora avanza da escuridade cara á luz, pero quen mira mesmo queda inmerso na penumbra. Aínda que a cortina está descorrida, a sombra vai á nosa presenza. Non hai dúbida de que contemplamos sen seren vistos, que aparece aquí de novo quen mira como un “voyeur”.

 (9)
 

 Pero quizais, fora do aspecto moralizante ou das explicacións que se lle poidan dar aos obxectos-símbolos que aparecen nas obras do holandés, o que para min reviste unha importancia fundamental e o espazo privado, ese espazo propio no que se moven as mulleres de Vermeer. As mulleres de Vermeer ocupan un lugar propio, un “LOCUS”, que non pode ser invadido. O seu espazo non é só o lugar dunha habitación perfectamente definido grazas a perspectiva e a luz, no que aparecen ventás, o chan axedrezado, as mesas e cadeiras, ou os mapas e cadros, e onde a luz sirve para iluminar tamén dun xeito simbólico, senon que é un espazo único en cada unha das obras, pois se ben emprega os mesmos recursos compositivos en cada obras, resolveos en cada pintura dun xeito diferente, pero respetando sempre a consistencia individual, a vida privada desa muller, que allea a nosa mirada vive e móvese nese espazo creado polo artista. E esa privacidade está chea de individualidade.

 As mulleres de Vermeer aparecen así como unha manifestación da individualidade, nun instante concreto, con esa mirada fotográfica que capta tanto ese retazo de vida como o seu silenzo. E son ese valeiro e o silenzo os que constituyen o universo poético do pintor de Delft.
 
 

 

 

 

 
 
 
 

 
 
 

No hay comentarios:

Publicar un comentario