BLOG DA PROFESORA E ARTISTA PLÁSTICA PAULA MARIÑO


jueves, 26 de diciembre de 2013

MARC TAEGER e a ilustración de ELEFANTE / UN GUISANTE.


 A pasada semana o artista e ilustrador Marc Taeger, estivo no obradoiro de Serigrafía realizando as ilustracións para o conto  ELEFANTE UN GUISANTE”, de Rafael Ordóñez, coa técnica de linóleo. Eu, que son unha entusiasta do gravado, estiven alí facendo fotos. Como esta é una técnica pouco coñecida para o público en xeral, farei unha pequena introducción dela para que entendades mellor o proceso.

 
Maqueta orixinal do libro
 

O Linograbado é unha variante do gravado en madeira na que unha folla de linóleo (ás veces montados nun bloque de madeira) utilízase para a superficie en relevo. O deseño córtase na superficie de linóleo cun coitelo afiado, un cincel en forma de V, coa posición elevada (sen tallar) en zonas que representan unha imaxe en espello, das partes que imos amosar impresa. A folla de linóleo se entinta cun rodillo (chamado Brayer), a continuación, se fai a impresión sobre papel ou tea. A impresión real pode facerse a man ou cunha prensa. O inconveniente que ten esta técnica é que a plancha vaise perdendo conforme se avanza na estampación.

 Aínda que o linóleo como revestimientos do chan remóntase ao 1860, a técnica de impresión linograbado utilizouse por primeira vez polos artistas do grupo  Die Brücke en Alemania a principios do século XX. Outros artistas que empregaron esta técnica foron Picasso, Matisse e Jean Arp.
  Fotografías paso a paso do proceso: preparación das planchas de línoleo xa traballadas e das tintas, entintado, e impresión no tórculo empregando un papel de grabado de gramaxe groso. No proceso, Marc estivo axudado por Fredy e Alba, profesores de Debuxo e Serigrafía na EMAO.
 
 
Planchas sen entintar

 
Preparación da cor

 
Extendendo a cor co rodillo sobre o cristal

 
Entintando a plancha

 
Colocando o papel
  
 
Colocación da plancha no tórculo xunto co papel

 
Pasando a plancha xunto co papel no tórculo
 
 
 A plancha xa impresa no papel
 
Logo seguiron facendo outros gravados, déixovos unhas fotos máis para que teñades unha idea clara de como é o proceso.

 

 



 

 

 

 
 

viernes, 20 de diciembre de 2013

DÚAS PINTORAS NA REVOLUCIÓN FRANCESA (Parte VII)

Tanto Vigée-Lebrun como Labille-Guiard tiveron alumnas, pois para elas e para outras moitas mulleres a situación tras o ano 1789, en que  arreciaron os debates políticos sobre os dereitos das mulleres, mudou dun xeito espectacular.



                    MARIE-GUILLEMINE BENOIST

 Vigée-Lebrun tivo una aventaxada discípula en Marie-Guillemine Benoist. Marie naceu en París, filla dun funcionario público. A súa formación como artista comezou en 1781 baixo Élisabeth Vigée Le Brun, para proseguir no atelier de Jacques-Louis David en 1786, xunto coa súa irmá Marie-Élisabeth Laville-Leroux. En 1791 expuxo por primeira vez no Salón de París, mostrando a súa mitoloxía de inspiración coa  imaxe “Psyché faisant ses adieux á sa famille”. Outra das súas pinturas dese período, “L'Innocence Entre la Vertu et le vicio”, é igualmente mitológica e revela a súa vertente feminista, neste cadro, pois o vicio é representado por un home, a pesar de ser tradicionalmente representado por unha muller. En 1793, ela casou co avogado Pierre-Benoist Vincent.


 
A inocencia entre a virtude e o vicio. 1790
 
 
Retrato de muller. 1799
 

 No seu traballo nun principio de carácter neoclasicista pode verse a influencia de Jacques-Louis David, sobre todo nos retratos das irmás do emperador Napoleón, a quen retratou tamén no ano 1803. No ano 1800, exhibiu “Portrait d'une Négresse” no Salón, obra dunha grande modernidade polo tema e sobre todo por como está tratado. Seis anos antes, a escravitude fora abolida, e esta imaxe converteuse nun símbolo para a emancipación das mulleres e dos dereitos das persoas negras e insiste tamén nas súas reividincacións feministas ao representar non só a unha persoa negra senon ao símbolo dual da liberdade (como muller e como negra). A imaxe foi adquirida por Luís XVIII de Francia en 1818.


 
 
  Retrato dunha negra.1800

 
Jeanne Eglé e o seu fillo. 1802
 

 
Elisa Bonaparte.1805
 
 
 
Paulina Bonaparte.1806


 Foi premiada cunha medalla de ouro no Salón de 1804, e recibiu un subsidio gobernamental. Durante este tempo, ela abriu un taller para a formación artística exclusivamente de mulleres. Porén, a súa carreira foi perxudicada por acontecementos políticos, pois coa restauración borbónica, o seu home foi nomeado para o Consello de Estado polo que tivo que abandonar, a pesar de estar en auxe da súa popularidade, a súa carreira.
 

  
 
Paulina Bonaparte. 1808
 
 
 
Napoleona Elisa Baccioci.1810
 

 


lunes, 9 de diciembre de 2013

DÚAS PINTORAS NA REVOLUCIÓN FRANCESA (Parte VI)



 
Madame Adelaïde de France.1787
 

 Como pintora, Labille-Guiard tivo moito recoñecemento aínda que non estivo exenta de problemas, o mecenado da tía de Luis XVI de Francia, a princesa María Adelaida, reportoulle unha pensión gobernamental de 1.000 libras, e encargos para pintar a Adélaïde, á súa irmá Victoire-Louise, e Isabel, a irmá do rei. O retrato de Adélaïde, exposto en 1787, foi a obra máis grande e ambiciosa de Labille-Guiard ata a data.
 En 1788 recibiu un encargo do irmán do rei, o Conde de Provenza (máis tarde, Luis XVIII de Francia), para pintalo no centro dunha grande obra de historia, Réception d'un chevalier de Saint-Lazare par Monsieur, Grand maître de l'ordre. Estas conexións reais fixeron de Labille-Guiard unha persoa politicamente sospeitosa despois da Revolución francesa de 1789. En 1793 ordenóuselle destruír algunhas das súas obras realistas, incluíndo o encargo inacabado para o Conde de Provenza, aínda que Adélaïde estaba lonxe de ser conservadora, pois no ano 1790 fixo campaña para que a Academia abrirase á admisión xeral das mulleres, mentre que no Salón de 1791 expuxo retratos de membros da Asemblea Nacional, incluíndo a Maximilien Robespierre e Armand, duque de Aiguillon.

 
Robespierre, 1786
 
 En 1795 obtivo unha nova pensión de 2.000 libras e continuou expoñendo retratos no Salón ata o ano 1800. Casou co seu mestre, François-André Vincent, no  ano 1799 polo que asinou algúns dos seus cadros como «Madame Vincent». Faleceu o 24 de abril de 1803 e as súas obras están entre outros no Museo Getty, Museos de Arte da Universidade de Harvard, a Academia de Artes de Honolulu, Museo de Arte Kimbell (Fort Worth, Texas), o Museo de Arte do Condado de Los Ángeles, o Louvre, o Museo Metropolitano de Arte, a Galería Nacional de Arte (Washington d.C), o Museo Nacional de Varsovia, o Museo Nacional de Mulleres Artistas (Washington d.C), o Museo de Arte Speed (Kentucky) e Versalles.


miércoles, 4 de diciembre de 2013

DÚAS PINTORAS NA REVOLUCIÓN FRANCESA (Parte V)


                   ADÉLAÏDE LABILLE-GUIARD

 

 Adélaïde Labille-Guiard nacida en París no ano 1749 é tamén unha pintora francesa que vive na Francia revolucionaria, adicada a temas de historia e retratos, pero que non pertence a alta sociedade nin a familia de artistas pois era filla dun merceiro. Aprendeu a pintar miniaturas con François-Elie Vincent e óleo co seu fillo François-André e foi tamén alumna de La Tour. As súas primeiras obras expuxéronse na Académie de Saint-Luc, e tralo seu peche en 1776, no Salon de la Correspondance. Casou con Louis-Nicolas Guiard en 1769, pero separouse del en 1777, o que indica o seu nivel de independencia persoal.

 
Retrato de Vincent de mozo.

 
 O 31 de maio de 1783, Labille-Guiard foi aceptada como membro da Académie Royale de Peinture et de Sculpture. Outras tres mulleres, entre as que estaba Vigée-Le Brun, foron admitidas como membros ese mesmo día, con certa consternación por parte dalgúns membros masculinos. A aceptación das dúas mulleres creou unha comparación entre a súa obra máis que coa obra dos membros precedentes, aliviando así as preocupacións dos membros antigos como xa comentara cando falei do tema con respecto a Vigée-Lebrun, aínda que parece ser que foi mellor aceptada a obra da Vigée-Lebrun. A obra mestra temperá de Labille-Guiard, “Autorretrato con dúas alumnas”, expúsose no Salón de París en 1785, e parece estar influída polo estilo de Vigée-Lebrun.

 
Autorretrato con dúas alumnas.1785
 

 A obra de Labille-Guiard, máis clásica en canto a execución prantexa tamén a necesidade da artista de dignificar o seu oficio, pois represéntase pintando no seu estudio vestida de corte, é dicir, elegantemente, o que insistía na teoría de Leonardo de que un pintor poder pintar ben vestido, non como os escultores (que o italiano consideraba artesáns-obreiros) aludindo a superioridade da Pintura coma arte liberal. Ao mesmo tempo non retrátase soa, senon acompañada por dúas modelos -Marie Capet e Carreaux de Rosemond-, o que implica a importancia do coñecemento na formación das mulleres, algo implícito nas ideas da Ilustración das que a artista é unha firme defensora. Cando a artista se representa como mestra, fala da dignidade da ensinanza e da  independencia económica da muller, que non necesita do home para subsistir, pois a artista daba clases de pintura e tiña alumnas as que denominaba ”as nove musas”.

 
 
 

domingo, 1 de diciembre de 2013

PROCESALIA 2013

 

 
Altar maior da Igresa da Universidade
 
  O pasado 28 de novembro, na  Igrexa da Universidade en Santiago de Compostela, inauguramos a exposición “PROCESALIA 2013”, comisariada por Monse Cea e coa coordinación de Alba Marinha, que  fai  unha revisitación do orixinal proxecto que no ano 2001, realizouse no coro da igrexa con obras feitas especialmente para ese espazo por novos e novas artistas, entre as que me atopo.
 Dez anos despois, estes artistas  presentan as súas novas propostas con pezas realizadas para este espazo, que nesta ocasión, ocupa a totalidade da Igrexa.
 

A Muller-Árbore. 2010. Paula Mariño

 
Furados.2010.Antón Caamaño



Toma de posición. 2013. Xoan Anleo

 
 
Detalle da instalación de Rubén Santiago, Nailed.2001-2013
 
 
Quero ser unha rotonda "ensaio para unha invisibilidade".2013. Eduardo Valiña
 
 
 Nesta nova edición, producida pola USC coa colaboración dos museos MARCO e Verbum de Vigo,  aparecen as propostas de  Ana de Matos, Antón Caamaño, Carlos Sena Caires e Jorge Cardoso (VOID), Rosa Sánchez e Alain Bahuman (Kónic), Kai Takeda, Isaac Cordal, Paula Mariño, Xoan Anleo, Xoán Brión, Eduardo Valiña, Manuel de la Rosa, Carme Nogueira, Monse Rego, Carme Nogueira, Marta Prieto e Nilo Arias. 19 creadores do ámbito galego, estatal e internacional de recoñecido prestixio que adaptaron os seus discursos persoais e liñas de investigación plástica a este proxecto. Video-creacións, creacións multimedia de arte interactiva, fotografía, performances documentadas en vídeo, escultura en proceso e pezas de son conviven con debuxos e instalacións varias.

 
O reitor da USC, presentado a exposición.
 
 Para min foi  unha sorpresa, volver a reencontrarme co escrito do proxecto orixinal e co cartaz, no que aparecen o meu nome e o da poeta Ledicia Costas, parte fundamental da nosa proposta do 2002 “UT PICTURA POESIS”.



 
 
Déixovos unhas notas de prensa sobre a mostra:
 

domingo, 24 de noviembre de 2013

DÚAS PINTORAS NA REVOLUCIÓN FRANCESA (Parte IV)




 Algúns críticos de arte a consideran a Vigée-Lebrun, unha pintora narcisista debido á gran cantidade de autorretratos que fixo durante a súa vida, teoría que desfaise cando estudiamos en profundidade a obra da artista.
 
No “Autorretrato con lazo”, un dos seus primeiros autorretratos, chama a atención a súa simplicidade, que céntrase no suxeito a pintar (autorreferencialidade) e a perfecta armonía do vermello, o blanco e negro, a sombra dos tons terras que o envolve todo, otorgan ao cadro unha vivacidade que  equilíbranse coa sobriedade da ropaxe e o tocado, discordantes coa “moda” do momento. Esta sinxeleza do atuendo reflíctese no famoso retrato de María Antonieta “en camisa”, que provocou un escándalo cando  exhibiuse públicamente. É dicir, Vigée-Lebrun, autorretrátase como un acto voluntario do mesmo xeito que se exhibe como outros moitos artistas románticos masculinos.


 Neste segundo autorretrato, pintado cara a 1782, do 'Chapeu de palla', quere facer referencia ao famoso cadro de Rubens en que pinta a Susanna Fourment e que Vigée-Lebrun admirara e estudiara na cidade de Amberes. A luz existente, o reflexo da luz na cara da modelo e pintora, a paleta e os pinceles (referencia directa ao seu oficio) falan do seu bó oficio. A súa beleza, referencia á súa ser feminino, a súa forza e delicadeza reflectidas a partes iguais, a súa seguridade como suxeito e obxecto pictórico, nun autorretrato on existe tamén un certo atractivo erótico, convérteno nun dos seus traballos máis interesantes, pois resulta ser máis un alegato, unha declaración de que nun mundo artístico dominado polos homes, a muller, sen masculinizarse, tamén crea. Esta obra resulta ser un desafío, pois representa a unha muller pintora, que tamén é fermosa, rachando unha enorme sorte de estereotipos que  por desgraza manténse ata os nosos días.
 O binomio: MULLER FERMOSA- MULLER INTELIXENTE, ou digamos tamén muller creadora ou científica parece ser inexistente, ou ben cando menos extraño.
  Tamén será un desafío os diversos autorretratos con Julie a súa filla, xa que logo, para Vigée-Lebrun, os roles de pintora e de nai non foron, polo menos pictóricamente, contradictorios. A sucesión dos dous autorretratos (nos anos 1786 e 1789) así o indica. A insistencia neste papel feminino preponderante, que implica a asunción da maternidade sen excluir o seu traballo como artista é tremendamente contemporáneo.

 
                  Autorretrato coa súa filla.1789
 Un dos seus autorretratos en Italia, en 1790, ten varias versión. No famoso autorretrato chamado 'Degli Uffizi', Vigee-Lebrun  amósase no acto de pintar e ata se fala dunha terceira versión en litografía en que o retratado é Rafael Sanzio, aludindo á relación da pintora con Italia. Na época era moi frecuente facer varias versións ou copias dun mesmo cadro.

 
                            Autorretrato.1790
 Aquí vémola pintando, no acto de crear. De novo resalta a naturalidade da imaxe. O infantil rostro, o miúdo corpo cuberto cun sinxelo vestido negro e unha cinta vermella; o pescozo, branco, sobresae e enmarca as doces faccións, así como o chapeu branco, de gasa, e os puños brancos que resaltan as mans da artista. Para entón, Vigee ten 36 anos e retrátase co mesmo xuvenil aspecto que no retrato de 1780, como se o acto de pintar a conservara  nunha eterna xuventude. De feito críticas da arte como Enma Parker, opinan que os autorretratos de Vigée-Lebrun, son máis o producto dunha estratexia comercial que un acto de narcisismo, pois manipula nos seus cadros a visión que se tiña entón da feminidade para o seu proveito.
Marketing no século XVIII?
 

              Autorretrato co pincel na man.1800



 
 

martes, 19 de noviembre de 2013

EXPOSICIÓN de TINO CANICOBA e visita á Mostra "ESENCIA DUNHA COLECCIÓN"

 A pasada semana os días 13 e 14 de novembro dous nutridos grupos do alumnado de pintura da Escola de Artes e Oficios de Vigo, realizou unha visita guiada a exposición do escultor Tino  Canicoba e posteriormente visitou a Colección de artistas galegos no Centro Social de Novacaixagalicia.






 
A obra do escultor de raigame claramente expresionista, abrangue diversos materiais como madeira, bronce e pedra, nestas fotos o artista aparece explicando a súas pezas ao alumnado.
 
Como complemento a visita, que durou unha hora e onde o alumnado fixo moitas preguntas ao escultor, fixemos unha visita a mostra de Novacaixagalicia "ESENCIA DUNHA COLECCIÓN", para apreciar "in situ" a obra dos artistas galegos que atópanse na actualidade expostas como parte da colección de artistas galegos.
Como parte da visita, e para reforzala o alumnado escolleu unha obra individualmente, para expoñer despois na clase e no blog o razón da súa escolleita. Estas son varias das obras que o alumnado escolleu como favoritas.
 

 
Antón Lamazares

 
Francisco Leiro

 
Sotomayor

 
Francisco LLoréns (detalle)
 
As alumnas Mª Jesús Vázquez e Ana Mª Tella, escolleron esta obra de LLoréns da que destacaron o tratamento da luz,  a excelente composición e colocación dos obxectos no soporte, o emprego das transparencias e o xeito en que o pintor acada o volume.
 
Déixovos aquí outra obra da colección, neste caso de Ovidio Murguía de Castro. Agardo os vosos comentarios sobre as obras que vimos na sala.


 
Paixase de Ovidio Murgía de Castro
 
 
Xaquin Vaamonde, retrato da marquesa de Valverde.
 
Información sobre este artista da chamada "Xeración doente" en:
 
Por se vos interesa a obra de Lamazares, deixovos a súa páxina web:
e tamén un interesante artigo sobre Urbano Lugrís, de quen o artista Antón Patiño fixo un maravilloso libro:
 
 
Lugrís. A habitación do vello mariñeiro.