BLOG DA PROFESORA E ARTISTA PLÁSTICA PAULA MARIÑO


martes, 18 de abril de 2017

ARTISTAS ITALIANAS DOS SÉCULOS XVI E XVII. SOFONISBA ANGUISSOLA (Parte II)

 Sofonisba destaca sobre todo na realización de retratos, a partir dun tipo de representación un tanto informal,(agás nos retratos de corte) no que a miúdo os seus modelos desenvolven tarefas aparentemente domésticas, acompañados dunha serie de obxectos que definen en maior profundidad a súa personalidade, con un achegamento veraz aos obxectos e materiais (herdanza do tipo de pintura que se facía en Cremona, influenciados pola pintura de Corregio) e que asemade, insiste especialmente no estudo psicológico de quen está a pintar, como exemplo estarían os seus numerosos autorretratos nos que Sofonisba aparece lendo, tocando algún instrumento musical ou pintando, é dicir, realizando actos de índole cultural que asemade reafirman a súa posición social.


Autorretrato tocando unha espineta.1554


Autorretrato pintando. 1556


Julio Clovio. 1556


Giovanni Casselli, poeta de Cremona. 1557


Retrato de Bianca Ponzoni. 1557

 DE MILÁN A ESPAÑA

 No ano 1558, Sofonisba desprazouse a Milán, onde pintou ao Duque de Alba, quen á súa vez a recomendou ao rei Felipe II de España. Ao ano seguinte, foi invitada a visitar a corte española, o que representou un momento crucial na súa carreira. Entón tiña 27 anos. No inverno de 1559 Sofonisba chega a Madrid para converterse en dama de compañía da nova raíña Isabel de Valois, terceira esposa do rei, de quen deseguida tivo unha grande estima. Neses anos, traballou estreitamente con Alonso Sánchez Coello e aproximouse tanto ao seu estilo, que inicialmente o famoso retrato do Felipe II, en idade mediana, foi atribuído a Coello, algo que foi desmentido recentemente cando se recoñeceu a Anguissola como a autora do mesmo.


Retrato de Filipo II, atribuido durante moito tempo a Alonso Sánchez Coello. 1573


Ana de Austria. 1573

 Durante a súa estancia na corte, pinta sobre todo retratos de corte oficiais, incluíndo os da raíña e outros membros da familia real, a irmá de Felipe II: Juana, e o seu fillo, Don Carlos, así como a Isabel de Valois e Ana de Austria, cuarta esposa de Felipe II, cadros vibrantes e cheos de vida. Aínda así, debido ao seu estatus social, Sofonisba non podría cobrar polos seus retratos e recibía en compensación pequenos agasallos.


Retrato de muller nova. 1560


Isabel de Valois. 1561


Xoana de Austria. 1561


Retrato de Francisco I de Medicci. 1580


Catalina Micaela, infanta de España, detalle. 1585


Dama con toca. 1591


Margarida de Saboya. 1595


Isabel Clara Eugenia, infanta de España. 1599


Isabel Clara Eugenia. 1599

 Pinta tamén a que é considerada unha das obras cumbre do retrato cortesano non convencional, o retrato da infanta Catalina Micaela realizado entre 1590 e 1595, coñecida como a “Dama do armiño”, e que ata ben pouco atribuíaselle ao Greco. O erro sobre este retrato non só afecta o seu autor senón tamén ao personaxe e o título da obra. A moza en realidade non leva un armiño sobre os seus ombreiros, senón unha peza de pel de pelo de lince. Este tipo de pezas comezou sendo unha peza masculina e posteriormente, foi utilizada tamén polas mulleres de clase alta.


Dama do armiño, atribuída anteriormente ao Greco. 1580

 En 1570 aínda continuaba solteira, polo que varios anos logo da morte de Isabel de Valois, Felipe II arranxou un matrimonio para Sofonisba, quen casou ao ano seguinte, con Francisco de Moncada, fillo do príncipe de Paterno, vicerrei de Sicilia. A cerimonia celebrouse con gran pompa e ela recibiu un dote por parte do rei de España. A parella viaxou a Italia tralo enlace; e aínda que volveron a España, deixaron esta terra para viaxar a Palermo, onde faleceu o marido en 1578, co que rematou a estancia de vinte anos da artista na corte española. Lamentablemente gran parte da obra pictórica de Sofonisba realizada durante a súa estancia na corte española desapareceu no incendio do Alcázar de Madrid.

No hay comentarios:

Publicar un comentario