BLOG DA PROFESORA E ARTISTA PLÁSTICA PAULA MARIÑO


lunes, 24 de marzo de 2014

FACES DO PAÍS, Conferencia na Biblioteca da EMAO


 
 O martes 18 de marzo, tivo lugar na biblioteca da EMAO, a conferencia FACES DO PAÍS, O RETRATO EN GALICIA 1890-1950. O profesor de Lingua e Literatura Galegas e licenciado en Xeografía e Historia, sección Historia da Arte, Xose Carlos L. Bernárdez, que ao mesmo tempo é ensaísta de temas literarios e artísticos e ten comisariadas varias exposicións sobre arte, foi o encargado de falarnos da evolución cara a modernidade do retrato galego. Na sala, ateigada de público, o conferenciante falounos deste xénero canónico da arte, o retrato, que articula nunha imaxe pictórica o que é propio do individuo e aquilo que pertence ao seu medio de apariencias.
 

 O crítico falou tamén da importancia destes artistas galegos que viaxan e estudian fóra de Galicia e que aportan certa innovación transformando a pintura na estilística e no uso. Para Bernárdez, estas innovacións están  provocadas polo emprego da fotografía como elemento de retrato, pois na pintura, o retrato constituía un elemento que resaltaba o status social a partir da individualización. Na conferencia faláronse de artistas decimonónicos como Sotomayor, que tiña dúas liñas de actuación: unha aristocrática e outra costumista, aínda que dun xeito idealizado; da Xeración Doente e de artistas como Corredoira ou Castelao, que a comezos do século XX, empregaron a autorrepresentación e a estética e claves simbolistas para desenvolver o seu traballo.  

 
“Os Novos”, según Bernárdez, xogaron tamén un importante papel na nova percepción do país a través de cadros de tema costumista pero no que o idealismo xa non está presente, mentres que outros artistas de entreguerras empregaron, como Maruja Mallo, a autorrepresentación a partir da fotografía. Para outros artistas como Laxeiro, Granell ou Seoane a obxectualización da figura e a disolución da imaxe no retrato a partir do disfraz, está moi presente na primeira metada do século XX. O profesor Bernárdez salientou así  a pluralidade de propostas e posturas formais, desde o retrato inscrito en correntes clasicistas e rexionalistas, até o emprego do  mesmo como transmisor da mensaxe plástica que en ocasións posúe tamén contido social.


 Unha conferencia pois, moi interesante que contou cun numeroso público entre os que se atopaban asemade un nutrido grupo do alumnado de Pintura, e na que estiveron presentes tamén alumnos e alumnas dos obradoiros de Debuxo, Serigrafía e Escultura en talla.
Un luxazo. Moitas grazas Carlos.
 


No hay comentarios:

Publicar un comentario