BLOG DA PROFESORA E ARTISTA PLÁSTICA PAULA MARIÑO


domingo, 24 de septiembre de 2017

ARTISTAS ITALIANAS DOS SÉCULOS XVI E XVII. FEDE GALIZIA (PARTE I)


Judith coa cabeza de Holofernes (posible autorretrato) 1596

 Durante o barroco, do mesmo xeito que en séculos anteriores, estaba prohibido que as mulleres artistas fosen donas de talleres e, se non tiñan a sorte de nacer dentro dunha familia de pintores con talleres propios, era case imposible que unha nova artista puidese desenvolver o seu talento. Carecían, salvo excepcións, de liberdade intelectual (acceso a estudos, viaxes, ou relacións sociais) e liberdade económica, ao non ter medios propios;  mesmo non dispoñían dun espazo persoal onde traballar, reflexionar ou crear.
 Non é posible coñecer, en xeral, a todas as que houbo e son moitas as que non estiveron recoñecidas na súa aprendizaxe, na creación e posterior mostra da súa obra. Segundo a mentalidade imperante en diversas épocas, a arte creada polas mulleres era de inferior calidade ao executado polos homes, tendo por conseguinte a súa obra menor valor desde o punto de vista técnico e material.
 Neste contexto, cobra especial significado desta artista, coñecida na Historia da arte sobre todo polos seus bodegóns, xénero considerado no Barroco italiano como menor.


Fruteiro e flores. 1590 

 Fede Gallizi, mellor coñecida como Galizia, naceu en Milán en 1578. O seu pai, Nunzio Galizia  foi un pintor de miniaturas. Del aprendeu a pintar, e dise que á idade de doce anos era suficintemente considerada artista como para ser mencionada por Giovanni Paolo Lomazzo, pintor e teórico da arte amigo do seu pai, da seguinte forma:
«Esta moza dedicouse a imitar aos nosos máis extraordinarios artistas».

 Cando Fede estivo preparada e establecida como pintora de retratos, comezou a recibir moitos encargos. Posiblemente por influencia do seu pai como miniaturista, tivo tendencia ao detalle nas súas pinturas. Pronto foi recoñecida e converteuse nunha exitosa pintora de retratos, recibindo numerosos encargos. O seu estilo ten un enfoque marcadamente realista, vinculado co manierismo lombardo de fins do século XVI, dentro da tradición naturalista do Renacemento italiano. É probable que a influencia do seu pai como miniaturista determinase a minuciosa atención ao detalle nos seus retratos, que amosa tamén na perfecta imitación de roupaxes e xoias. Tivo encargos tanto de obras sobre temas relixiosos como profanos. As súas representacións de Judith e Holofernes atópanse en varias coleccións privadas. Fede Galizia tamén realizou encargos públicos de retablos para algunhas igrexas de Milán. Un deles foi o Noli me tangere (1616, Milán, San Stefano Maggiore) que realizou para o altar da igrexa Santa María Magdalena.


Noli me tangere. 1616


Debuxo asiñado pola artista. 


Retrato de Federico Zuccari


Retrato dun físico 

 Un retrato do xesuíta Paolo Morigia, datado en 1596, é a súa primeira obra coñecida que perdura e foi pintada pola artista cando tiña dezaoito anos. Nesta pintura, o estudioso milanés, que foi un dos seus primeiros admiradores e patrocinadores, está representado no momento en que escribe unha poesía dedicada á artista; a letra é perfectamente legible no papel que se apoia sobre o volume da súa obra máis famosa, a “Nobilità dei Milano”. Nas súas lentes reflíctese a habitación na que se atopa, reforzando a ilusión de veracidade. O realismo do rostro, que ten un forte sentido psicolóxico, foi comparado cos retratos de Giambattista Moroni e do seu mestre Lorenzo Lotto, ademais de ter unha semellanza co dos pintores do norte europeo. Sábese que realizou un retrato anterior de Morigia en 1595, pero lamentablemente este perdeuse.


Paolo Morigia. 1596 


 Ademais dos retratos e miniaturas pintou retablos, pero a súa obra máis importante -pola que gañou un lugar na Historia da arte- son os seus bodegóns, aínda que as súas pinturas non gañaron o merecido recoñecemento ata ben entrado o século XX, cando por fin foron rescatadas do esquecemento. Os bodegóns de Galizia están entre os primeiros exemplos de pintura nun xénero no que unha muller, en parte por estar excluída doutros tipos de obras, alcanzou a excelencia.


Bodegón con melocotóns,cereixas e uvas nun cesto


Bodegón con plato de froita e marmelos





 


No hay comentarios:

Publicar un comentario