BLOG DA PROFESORA E ARTISTA PLÁSTICA PAULA MARIÑO


domingo, 29 de mayo de 2016

ROSA ÚBEDA e ANTONIO MURADO



Alédame o día. 2006 de Rosa Úbeda

 O alumnado de Pintura estivo na mostra que Rosa Úbeda presenta na Fundación Laxeiro de Vigo, unha exposición individual titulada Anomia, un proxecto no que a través dunha selección de obras de diferentes épocas, a artista propón un percorrido pola sintaxe da súa linguaxe pictórica, caracterizada pola mestura de códigos sen máis regras que a súa persoal forma de comunicar. A exposición articúlase a partir dunha selección de obras de diferentes etapas, nun proxecto comisariado por Javier Pérez Buján, centrado na obra pictórica de gran formato, na que as regras están ausentes, e nos ofrecen unha serie de relatos que falan da identidade, o desexo ou o medo e a dificultade de comunicación.  A artista mestura linguaxes e técnicas, a partir de textos fragmentados, debuxos sobre papel conformando collages e masas de cor que ofrecen un relato moi persoal.




 Tamén visitamos a mostra dun dos meus artistas favoritos o lugués Antonio Murado, que presenta na sala de ABanca, unha mostra titulada Intimidade abstraída, cunha serie dun centenar de obras de idéntico formato  que revisita aqueles temas que forman parte da súa proposta estética: a historia, a memoria, a paisaxe e a pintura.
 Na mostra, Murado inclúe varios lenzos adicados á paisaxe nos que aparece a dicotomía abstracción-figuración, nunha natureza non imitada senon tamizada pola súa propia mirada que crea unha realidade nova. Emprega asimesmo  como técnica unha simbiose entre pintura e fotografía, pois nas pezas emprega ilustracións, inscripcións e fotografías que manipula, e que nos falan das complexas vinculacións entre representación e percepción que tanto preocupan ao artista.


Galitzia. AM 34 x 24. Vol.1. T. mixta. 2005. Antonio Murado




Tammháuser. AM 34 x 24. Vol.1. T. mixta. 2005. Antonio Murado


No hay comentarios:

Publicar un comentario