BLOG DA PROFESORA E ARTISTA PLÁSTICA PAULA MARIÑO


lunes, 23 de noviembre de 2015

MULLERES SURREALISTAS: ÁNGELES SANTOS (PARTE I)


 A pintora e artista gráfica Ángeles Santos, nace en Portbou o 7 de novembro de 1911 e morre en  Madrid o 3 de outubro de 2013. As súas primeiras obras teñen influencias tanto do surrealismo como do expresionismo, para posteriormente traballar dentro dunha estética postimpresionista con temas de paisaxe e interiores. Irmá do poeta e crítico de arte Rafael Santos Torroella, iniciouse no debuxo e a pintura aos catorce anos durante a súa etapa colexial no internado das Escravas Concepcionistas de Sevilla, é dicir comeza como outros artistas de súa época, como por exemplo Dalí: autodidactas, pertencentes burguesía e formados nun entorno cultural burgués no que podían achegarse ás correntes vangardistas a través de libros e revistas. Aínda asía súa obra estará considerada dentro dunha arte subxetiva, “feminina”, pola crítica, cando en realidade foi unha artista que como tantas outras definiu un estilo propio, sen calificativos.
   Entre a década de 1920 e 1930, ten ocasión de aprender co artista italiano radicado en Valladolid Cellino Perotti e de coñecer ao pintor inglés, Cristóbal Hall, quen dirixiu a Escola Pictórica na cidade Valladolid de tendencia figurativa, moderna e próxima aos ideais da Xeración do 27, e sabemos tamén que Santos frecuenta o Museo de Escultura interesándose polo estudo da forma e do volume.


Vaso de viño.1928

 A Academia de la Purísima Concepción impulsa unha exposición en outubre de 1928 de artistas vallisoletanos no Círculo Mercantil á que foi invitada a participar sendo este o inicio da súa carreira como artista e na que presentou  unha serie de obras, –retratos principalmente de crianzas e de persoas da súa contorna– nos que residía unha sorte de inocencia estética, que aínda que non tiñan a forza das súas obras posteriores tendían a unha suxestiva e moderna pintura.


O tío Pepet. 1928


O meu irmá Rafael. 1928


O tío Simón. 1928


A tía Marieta. 1928


Nenos no xardín.1928 

 Segundo Josep Casamartina, a estética de Santos Torroella evolucionó de xeito vertixinosa, entre o outono de 1929 e a primavera de 1930, afín aos ideais propostos pola escola vallisoletana, ao que cabería sumarse a influencia das imaxes publicadas no libro de Franz Roh “Realismo MáxicoPost Expresionismo. Problemas da Pintura Europea máis recente”, libro de cabeceira de moitos creadores e creadoras de época e que parece ser que tivo mita influencia nas primeiras obras de Santos, pois según Casamartina, tanto Otto Dix, como Tadeusz Makowski aparecen como referente en dúas obras da artista.
 No Ateneo de Valladolid, en abril de 1929 expón o “Retrato de Marquesa de Alquibla” (1928) e “Autorrerato”, xunto co lenzo “Tres cabezas de muller”, obra inicial onde as figuras deformes aparecen ensimismadas nun ambente sombrío e que prefigura o que será a súa obra máis importante: “Un mundo”.


Santos na inauguración do Ateneo de Valladolid.


Retrato da Marquesa de Alquibla. 1928 


Autorretrato. 1928 


Rúa de Alonso Pesquera en Valladolid. 1929


Rúa de Alonso Pesquera en Valladolid. 1929


Nena. 1929


Retrato de María Álvarez. 1929


Anita e as bonecas. 1929


Nena durmindo. 1929

 A súa participación no IX Salón de Outono de Madrid no ano de 1929, incrementou a súa fama e fixo que unha boa parte da intelectualidade do país como Jorge Guillén, Ramón Gómez da Serna, Manuel Abril, Juan Ramón Jiménez, Federico García Lorca, Guillermo Díaz-Plaja e Joan Teixidor, entre outros, ficara impresionado pola súa proposta de raigame surrealista e factura expresionista escribindo artigos sobre a  súa  obra, polo que durante algún tempo a artista reside en Madrid e as obras que realiza neses anos a artista atinaba a plasmar todo un mundo de quimérico ensoño e fantasía, descubrindo a beleza en obras que aparentemente eran feas.


Boceto para "Un mundo". 1929


Un mundo. 1929. Óleo sobre tea

 Santos pintou, aos 18 anos, “Un mundo”, óleo de gran formato que representa un estraño planeta surrealista. A artista pintou “Un mundo” xunto a “Faladoiro” entre abril e setembro de 1929. A peza “Un mundo” según palabras da propia artista, foi inspirada por uns versos de Juan Ramón Jiménez: « vagos anxos malvas / apagan as verdes estrelas / Unha cinta tranquila / de suaves violetas / abrazaba amorosa / á pálida Terra». Para realizar este gran óleo, de tres por tres metros, a pintora tivo que unir dous lenzos para conseguir a superficie desexada. Os personaxes femininos que poboan a escena rodean os costados dun globo terráqueo que perdeu a súa condición orixinal para converterse nunha figura cúbica. En silenciosa procesión, estas mulleres de longos cabelos van iluminando as estrelas co lume previamente tomado do sol, mentres nun dos ángulos do lenzo, outro conxunto de mulleres tocan instrumentos musicais. Esta peza causou tal impacto que Gómez de la Serna, Guillén, Lorca e o mesmo Juan Ramón Jiménez intercambiaron correspondencia coa artista e ata desprazáronse a Valladolid para coñecela. En anos posteriores a artista, cun aceno medio en serio, medio en broma cóntanos: "Cando pintei Un mundo e Terra, lera nas revistas de arte sobre un tal Picasso e o cubismo. Simplemente pareceume máis fácil pintar un planeta así, coas superficies planas no canto de redondas. Era unha época, en 1929, na que se falaba moito de viaxar a Marte e pinteino pensando que si conseguiamos chegar alí poderiamos ensinarllo aos marcianos".


 A terra. 1929. Óleo sobre lenzo.

"Faladoiro" titulado inicialmente “O cabaret”, representa, dentro do conxunto de obras de Santos, a máis próxima á Nova Obxetividade alemá, por estar máis impregnadas dunha frialdade e magnetismo, no que respecta á influencia estranxeira, mentres que, os modelos das figuras, de estética estilizada e deforme, achéganse á obra do Greco, nun movemento sinuoso, cheo de unha grande sensación de misterio. No cadro as mulleres aparecen ensimismadas, sin comunicarse unhas coas outras, fuman, en actitudes desenvoltas, e habitan nunha atmósfera que evocaría esa sorte de asfixia que aparece nas obras de Balthus e doutros pintores vinculados a un tipo de pintura metafísica conectada co surrealismo.


 Faladoiro. 1929. Óleo sobre lenzo.










No hay comentarios:

Publicar un comentario